A DXT recomenda precaución ao volante ante a primeira choiva
Os accidentes poden incrementarse ata un 70 % cando chove
A chuvia é o principal inimigo dos condutores, xa que en días como hoxe os accidentes increméntanse ata un setenta por cento. Dende a DXT recomendan extremar a precaución ao volante.
Daniel Torrado, xefe do destacamento de Tráfico de Santiago de Compostela, recorda que coas primeiras choivas créase unha capa de polvo e graxa que fai que a superficie sexa máis deslizante polo que debemos reducir a velocidade, aumentar a distancia de seguridade e non realizar manobras bruscas.
Revisar o estado dos pneumáticos ou circular coas luces postas son outras das recomendacións que fan os expertos.
Ángel Rodríguez, profesor de educación viaria, asegura que levar as luces postas día e noite reduciría considerablemente as vítima de tráfico. Di que o máis importante é ver e deixarse ver.
Os motoristas deben ser especialmente rigorosos co cumprimento destas recomendacións xa que teñen moita menos superficie adherente á estrada e están máis expostos que o resto de condutores.
Torrado lembra que é recomendable non pisar as marcas viarias ao frear ou ao acelerar, xa que son moi esvaradías.
Luís Agüera, motorista con moitos anos de experiencia, engade que cuns bos pneumáticos, precaución e anticipación é máis dificil ter un accidente.
En días coma hoxe a chuvia manda, así que, xa saben, precaución e, ante todo, moita cabeza ao volante.