A Deputación de Pontevedra pídelle a Vigo o proxecto da nova bancada de Gol de Balaídos
Vigo pretende que a Deputación asuma a metade do custo da obra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, solicitou ao Concello de Vigo, a través dunha carta que remitiu ao alcalde da cidade galega, Abel Caballero, o proxecto da nova bancada de Gol do estadio de Balaídos para "materializar o compromiso do Goberno provincial coa remodelación" desa instalación.
Segundo explica o ente provincial nun comunicado, López reitera na misiva o seu “compromiso inequívoco” coa reforma e celebra compartir co goberno municipal vigués o desexo de finalizala canto antes.
No texto, lamenta que a solicitude de fondos por parte da administración municipal para a nova Bancada de Gol e a petición dunha reunión sobre os investimentos do ente provincial chegase "sen a documentación e información necesaria sobre o proxecto".
O Goberno provincial apunta que "o único documento que chegou ao Pazo Provincial sobre a reforma da bancada foi un resumo orzamentario dun só folio de extensión". López explica a Caballero que ante "unha iniciativa de tal envergadura, a Deputación precisa coñecer con todo detalle o proxecto completo para poder analizalo e avaliar co debido rigor o seu encaixe nos Orzamentos provinciais do 2024".
O dirixente da Deputación está á espera de recibir o "proxecto da Bancada de Gol para, unha vez estudado, fixar en datas próximas un encontro co alcalde, Abel Caballero, no que se concreten os termos de colaboración nesta e noutras iniciativas".
Vigo pretende que a Deputación asuma a metade do custo da obra de remodelación da bancada do estadio do Celta.