A defensa de Kairo Amaral estuda un recurso de amparo tras a confirmación da condena polo asasinato de Samuel Luiz
A defensa de Kairo Amaral estuda un recurso de amparo tras a confirmación da condena polo asasinato de Samuel Luiz
O crime de Samuel Luiz, de 24 anos, produciuse na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo de Riazor. O mozo, acompañado dunha amiga, estaba facendo unha videochamada. Nese intre pasaban un dos condenados, Diego Montaña, e a súa parella. Pensou que os estaba gravando e díxolle que deixara de facelo. Samuel explicoulle que era unha videochamada, pero Diego ameazouno de morte, chamoulle "maricón" e emprendeuna a golpes e patadas con el. Logo sumáronse á agresión os outros dous acusados.
A sentenza do Supremo cualifica o ataque de "linchamento" que deixou a vítima indefensa e ratifica a motivación homófoba do crime.
O Alto Tribunal desestimou os recursos das defensas que intentaban reducir as penas e ratifica as condenas de 24 anos de cárcere para Diego Montaña polo delito de asasinato coa agravante de discriminación sexual. Alejandro Freire foi condenado a 20 anos por asasinato e Kairo Amaral, a 20 anos e medio por asasinato e roubo con violencia, por subtraer o móbil da vítima.
Os 3 condenados terán que indemnizar a familia da vítima con 300.000 euros.
Xosé Ramón Dierra, avogado da defensa de Kairo Amaral recibiu a sentenza con desgusto. Argumenta que o Supremo non entrou no fondo xurídico e deu por válido o feito nas dúas instancias anteriores. Segue defendendo a inocencia do seu representado e asegura que non hai probas de ningunha patada súa á vítima.
Malia que a sentenza do Supremo é firme e non admite recurso, Sierra asegura que estudarán outras posibilidades.
O Alto Tribunal tamén desestima os recursos da Fiscalía e da acusación particular e confirma a absolución por falta de probas do cuarto investigado.