Samuel revela que recibiu presións da armadora do Villa de Pitanxo
Afirma que recibiu unha chamada do armador para omitir as presuntas imprudencias que provocaron o naufraxio
O grupo Nores garda silencio sobre o auto do tribunal e tamén o patrón e o seu sobriño prefiren non pronunciarse
O armador chamou o mariñeiro ghanés por teléfono para que mentise sobre os motivos do naufraxio, segundo se reficlte no auto da Audiencia Nacional. Samuel obedeceu e asinou a chamada protesta de mar do seu capitán, pero unha vez en España contou a súa verdade.
"O supervivente estaba desexando chegar a España para contar a verdade do afundimento do barco", manifestou o pastor evanxélico e voceiro de Samuel Kwesi.
Desde a armadora recibiu indicacións sobre cuestións concretas. A primeira, asegurar que o patrón deu o sinal de abandonar o buque, tamén que a tripulación realizaba simulacros de supervivencia e unha terceira relacionada co afundimento. Samuel di que lle meteron presión para dicir que o motor parou durante a manobra de viraxe. Tras coñecer o auto xudicial, Samuel sente un certo alivio.
O pastor evanxélico tamén dixo que "Samuel sente certo alivio porque o auto xudicial confirma a súa declaración sobre os feitos".
En Donón, en Cangas, onde viven o patrón do Villa de Pitanxo, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, prefiren seguir gardando silencio tras coñecer que a Audiencia Nacional ve indicios que permiten imputar 21 homicidios por imprudencia grave ao capitán. Tamén evita pronunciarse sobre o auto xudicial a empresa armadora.