A covid persistente, anos convivindo cos síntomas sen que vaia a menos
O perfil de paciente que máis sofre esta doenza son mulleres de arredor de 40 anos
Pídenlle á Administración maior axilidade na diagnose e na tramitación das incapacidades
Despois de tres anos de convivencia coa covid hai pacientes que seguen padecendo os síntomas da enfermidade. Son persoas que quedaron coas secuelas dunha doenza que se volveu persistente e que condiciona seriamente a súa calidade de vida. Piden maior atención por parte da Administración.
Pasaron os meses e incluso os anos, e os síntomas da covid seguen aí. O perfil de paciente que máis sofre esta doenza son mulleres de arredor de 40 anos e moitas delas, como Isabel Quintana, representante do colectivo de pacientes con covid persistente, arrástrano desde aquela primeira vaga.
"A maioría dos pacientes sofren a fatiga entendida como unha sensación de que se che esgota a enerxía de repente. Tamén está a sensación de dificultade para respirar, que o aire non che chega, aínda que as probas digan o contrario. E despois tamén está a néboa mental e as dores musculares, que son moi habituais".
O cadro da sintomatoloxía é moi amplo, igual que o grao de afectación. As doentes quéixanse de incomprensión incluso dentro do ámbito sanitario, que en ocasións atribúen a súa patoloxía a un malestar emocional. No caso de teren que xestionar unha incapacidade derivada da covid, a situación aínda se complica máis.
"Cando xa falamos das relacións máis institucionais, co INNS á hora das incapacidades, ou á hora de solicitar unha discapacidade ou unha dependencia, a nosa enfermidade aínda non está no catálogo que eles manexan. Entón teñen que guiarse pola sintomatoloxía que temos e a maior parte dos nosos síntomas non son obxectivables, non saen na fotografía".
Desde o colectivo galego de pacientes con covid persistente pídenlles aos profesionais sanitarios que se formen a medida que se vai coñecendo máis desta enfermidade sobre a que se creou xa unha rede de investigación que permitirá avanzar no diagnóstico e na cura.