A Coruña e Nigrán prepáranse para o San Xoán
Premios para os que máis reciclen na Coruña e multas para os que non recollan en Nigrán
A Coruña inicia a conta atrás para unha celebración que está declarada de Interese Turístico Internacional.
"É un día moi especial. Hai que vivilo", asegura unha veciña.
Ao lado do mar, nos barrios cos amigos ou en calquera recuncho da cidade. A do 23 é unha noite para saír celebrar o solsticio de verán.
"Churrasco, sardiñas. Esperando a que chegue para pasalo ben", din os coruñeses.
Para ir facendo boca desde esta semana están programados espectáculos de rúa. Son o prólogo da noite de San Xoán.
As praias de Riazor, O Orzán e O Matadoiro serán o epicentro das celebracións. Para que todo transcorra sen incidencias está preparado xa un amplo dispositivo de seguridade. Serán máis dun milleiros de persoas que estarán apoiados por cámaras e drons das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Como cada ano, a madeira repartirase na entrada aos areais e colocaranse ata 25 puntos para a recollida de residuos con premios para aqueles que contribúan na reciclaxe. No caso de Nigrán ademais de concienciación haberá multas.
"Concienciar por un lado pero tamén avisar de que o que non cumpre vaise ver prexudicado no seu peto", explica o Alcalde de Nigrán, José Antonio González.
As autoridades piden responsabilidade.
"Pedir sentidiño para poder celebralo ao máximo pero seguir sendo un exemplo", reclama Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
E así abrir o calendario festeiro do verán.