Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña convértese en punto de encontro internacional dun cento de tatuadores

A Coruña convértese en punto de encontro internacional dun cento de tatuadores

Traen ata ExpoCoruña a posibilidade de ver en directo como traballan

É unha mostra ampla de estilos e técnicas

G24.gal 11/05/2024 20:33 Última actualización 11/05/2024 21:36

É a primeira edición da International Tattoo Convention que se celebra na Coruña. Viñeron tatuadores galegos e doutros puntos de España, pero tamén de Portugal, de Francia, de Italia... 

"Son un cento de profesionais de toda Europa e aquí estamos para dar un pouco de cultura da tatuaxe á Coruña", di Pedro Ruiz, o organizador.

Os tatuadores realizan os seus traballos á vista do público, nunha mostra ampla de estilos e de técnicas.

"O que ten debuxo é unha xeometría, isto é máis dark e isto outro unha ornamentación", explica a tatuadora Lorac sobre a creación que está a realizar.

"Estou con puntillismo de arrastre, coa agulla fina de liña moi saída e pásala moi rápido, como cando tiras unha rocha no río, que rebota. Isto é igual pero na pel", conta sobre o seu traballo o creador David Acuña.

Dependendo do tamaño das creacións, son elaboracións de horas ou de días.

"Esta en concreto lévame tres días e estoulle botando unhas nove horas diarias", di Alberto Barreiro sobre a tatuaxe que ten entre mans.

Hai clientes que buscan na tatuaxe un significado, outros estética e arte, pero tamén atopamos quen deixa a elección ao azar.

"Unha vez que levas varios xa dá igual", asegura un mozo que deixou o motivo á sorte.

"O significado podes darllo máis tarde e outras veces é estética maiormente", afirma outro cliente.

O encontro está amenizado con música en directo e tamén hai tendas e postos de comida e bebida. Comezou o venres e continuará ao longo deste domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade