Lucas Pérez: "Felicito o Celta porque está deixando Galicia nun bo lugar"
O ex-xogador do Deportivo pasou polo programa Ao contraataque da Radio Galega e repasou o seu momento actual
Non quere retirarse e non desbota volver ao cadro coruñés nun futuro, cando se retire
O ex-xogador do Deportivo Lucas Pérez pasou polo programa Ao contraataque da Radio Galega. Está sen equipo pero buscando un club para continuar a súa carreira. Lucas quixo comezar felicitando ao seu bo amigo Iago Aspas e o Celta pola gran temporada que fixeron na que acadaron a clasificación europea.
Tamén se referiu á súa etapa no Deportivo. Amosou a súa alegría por regresar aínda que tivese que poñer fin á aventura de xeito abrupto no pasado mes de xaneiro. "Dou grazas a que volvín á miña casa, deséxolle o mellor ao club" confesou Lucas.
As novas promesas do Deportivo son unha das debilidades de Lucas Pérez. Yeremay está no centro de todas as olladas despois da súa gran temporada pero o de Monelos tamén se lembra de "Mellita e de Barcia. Todos me trataron como se fose o seu irmán maior".
O que quixo deixar moi claro é que "mental e fisicamente" está en bo momento e que non lle pasa pola cabeza a retirada do fútbol. Busca equipo e agarda que lle chegue unha boa opción antes do inicio do campionato.