A Corte Suprema arxentina confirma a condena de seis anos de cárcere contra Cristina Fernández
A sentenza inhabilita para sempre a expresidenta para exercer cargos públicos
A expresidenta podería ser detida nas próximas horas ou días para cumprir a condena

A Corte Suprema da Arxentina rexeitou o recurso presentado pola expresidenta Cristina Fernández e deixou en firme a condena a seis anos de prisión e inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos, ditada contra ela en 2022 por irregularidades na concesión de obras viarias.
Tras esta decisión, adoptada por unanimidade polos tres xuíces do Supremo, Fernández podería ser detida nas próximas horas ou días para cumprir a condena, que a expresidenta cualificou como un caso de persecución xudicial e política.
"As sentenzas ditadas polos tribunais anteriores asentáronse sen que se demostrase de ningún xeito que a decisión apelada non constitúa unha derivación razoada do dereito vixente de conformidade coas circunstancias particulares comprobadas na causa, nin que durante o proceso se vulnerase algunha garantía constitucional", di o ditame dos xuíces Horacio Rosatti, Carlos Rosenkrantz e Ricardo Lorenzetti.
A decisión ratificou así a condena en segunda instancia por irregularidades na concesión de obras públicas na provincia de Santa Cruz.
A defensa de Fernández pode solicitar a ese xuíz que conceda á exmandataria o beneficio da prisión domiciliaria por ser maior de 70 anos.
O ditame do Supremo chegou oito días despois de que a expresidenta anunciara a súa candidatura como lexisladora nas eleccións lexislativas na provincia de Bos Aires, previstas para setembro.
Ao alcanzar unha decisión antes da data de presentación oficial das candidaturas para os devanditos comicios o próximo 19 de xullo, a exmandataria queda agora imposibilitada para competir nesa elección e en calquera outra.
Irregularidades na concesión de obras viarias
A causa pola que foi condenada, coñecida como Vialidad, investigou supostas irregularidades na adxudicación de 51 obras viarias na provincia de Santa Cruz a compañías do empresario Lázaro Báez.
A expresidenta foi condenada en 2022 por administración fraudulenta, aínda que non foi detida debido aos foros que entón tiña como vicepresidenta do país e á instancia pendente de revisión por parte da Cámara de Casación Penal.
En novembro de 2024 a Sala IV da Cámara Federal de Casación Penal confirmou a condena contra Fernández, quen recorreu ao Supremo.