Publicador de contidos

Publicador de contidos

A chuvia respectou as procesións do Venres Santo

A chuvia respectou as procesións do Venres Santo

Ferrol, Viveiro, Cangas, Santiago e numerosas vilas e aldeas das catro provincias luciron hoxe a súa mellor cara de Semana Santa

G24.gal 29/03/2024 18:59 Última actualización 29/03/2024 21:23

A Semana Santa de Ferrol logrou manter a súa programación este venres, xornada central con procesións da mañá á madrugada.

O día comezou na cidade con cheo nas rúas do seu centro histórico para o cortexo do Santo Encontro, o seu evento máis multitudinario e no que se reuniron ao mediodía os pasos de San Juan Evanxelista, a Verónica, o Nazareno e a Virxe das Dores.

A Confraría das Dores puido completar a súa estación de penitencia nunha mañá inicialmente asollada, pero na que a choiva irrompeu por uns minutos na despedida do acto da praza de Armas, ante o palacio municipal.

O Venres Santo de Ferrol completouse, xa pola tarde, coas procesións do Crucificado, da Confraría da Mercé, e do Traslado, que permite sumar as imaxes de San Juan Evanxelista e a Virxe das Dores, da irmandade de Dores, ao posterior desfile do Santo Enterro.

Esta cita histórica, con inicio ás 19:00 horas na concatedral de San Xulián, contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, entre outras autoridades.

Antes deste evento, ás 18:00 horas, o atrio do templo acolleu a cerimonia do Desencravo, recuperada en 2022 tras máis dun século a pedimento da Irmandade do Santo Enterro, que na súa comitiva deste venres exhibe a súa furna do século XIX.

O día grande da Semana Santa de Ferrol, que cumpre unha década como cita de Interese Turístico Internacional, pecha coa procesión titular da Confraría da Soidade, ás 21:00 horas, e a dos Caladiños, da Confraría das Dores, ás 23:30 horas na concatedral de San Xulián.

Neste último caso, o cortexo desemboca na praza de Amboaxe, onde un coro interpretará A Salve Regina á Virxe das Dores, e está caracterizado polo silencio, que rompen unicamente as cadeas dos penitentes e os tambores que acompañan a marcha.

O Sábado Santo, penúltimo día da Paixón ferrolá, inclúe unha única procesión, a da Caridade e o Silencio, da Confraría das Angustias, programada para as 20:00 horas.

A agrupación abrirá ás 09:00 horas o seu santuario do barrio de Esteiro para recoller donativos con destino ao refuxio de persoas sen teito da cidade a cambio de flores dos pasos da irmandade.

A Semana Santa ferrolá é posible pola participación duns 3.000 confrades e prevese que atraia á localidade uns 300.000 visitantes, cun impacto económico estimado duns 40 millóns de euros e un posible cheo nos hoteis da zona. 

A chuvia seguiu respectando a Semana Santa de Viveiro na tarde deste Venres de Paixón. A Ilustre e Venerable Confraría da nosa Señora do Rosario é a encargada do primeiro o acto do Desencravo ou Descendemento e despois a solemne e tradicional procesión do Santo Enterro (que sae da Igrexa de Santa María).

A procesión do Santo Enterro é quizais a máis solemne e maxestosa da Semana Santa de Viveiro. 

Está baseada no relato evanxélico e constituíu, desde os comezos da Confraría, o principal motivo procesional. Fieis e visitantes vívena con moita fe e sentimento.

Pola mañá unha das procesións senlleiras da semana santa galega: o Santo Encontro, que demostrou unha vez máis o seu poder de convocatoria recreando o camiño de Cristo cara ao calvario coas figuras articuladas de Xesús, a Virxe, a Verónica e San Xoán.

O Venres Santo aínda continúa con dúas procesións desta noite se a chuvia o permite. Ás dez a Procesión da Paixón da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, unha das máis espectaculares con pasos de máis de cen levadores, e xa pasada a media noite a procesión da Soidade, ou dos Caladiños, organizada pola Venerable Orde Terceira Franciscana.

Ao remate dos pasos, cantarase a salve ante a imaxe da Virxe da Dolorosa na igrexa de San Francisco. 

Pero non só se celebra con devoción a Semana Santa en Ferrol ou Viveiro.

En Paradela, concello de Meis, recrean con fervor as últimas horas de vida de Xesús. 

Tamén no Pereiro de Aguiar, en Melias, os veciños esfórzanse por manter viva a tradición e escenifican outro dos momentos da paixón. É o desencravo. Con Xesús xa crucificado e morto, os seus achegados foron retirando un a un os cravos para baixalo da cruz. Tras o descendemento, sae procesión co corpo xacente nunha arca de cristal.

En Betanzos conmemoraron a morte de Xesús. Da Igrexa de San Domingos saíu a procesión do Santo Enterro. Procesionaron 4 pasos, o do Cristo das Ánimas, Nosa Señora das Angustias, o Santo Sepulcro e Nosa Señora da Soidade.

Procesión do Santo Enterro tamén en Cangas.  A urna co cristo xacente está acompañada polas imaxes de San Xoán, Xesús crucificado, a Piedade, e as Piadosas Mulleres (que son a Virxe María, María de Cleofás e María Magdalena). A Virxe da Soidade é a que pecha a procesión.

A do Santo Enterro é a única procesión de Santiago que visita ao Apóstolo. Entra na catedral pola porta da Acibechería e sae por Praterías. Todos os confrades visten de frac. Procesionan Cristo Xacente na urna de cristal e mais a coñecida como Virxe dos Coitelos, por ser sete os coitelos que lle atravesan o corazón. A imaxe loce un manto regalo da raíña Isabel II.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade