Publicador de contidos

Publicador de contidos

A chinesa BYD inclúe Galicia como candidata para instalar unha fábrica de vehículos eléctricos

A chinesa BYD inclúe Galicia como candidata para instalar unha fábrica de vehículos eléctricos

A empresa precisaría máis dun millón de metros cadrados para a factoría que quere construír en Europa

A Plisan (Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves) sería o lugar que podería acoller as instalacións do xigante chinés da automoción

G24.gal 09/05/2023 14:34

A empresa chinesa BYD ((Build Your Dreams), principal fabricante mundial de vehículos de nova enerxía (VNE) e baterías eléctricas interesouse por Galicia como unha opción para a planta de produción que o xigante chinés do coche eléctrico quere abrir en Europa.

Directivos da empresa mantiveron un encontro coa Xunta para estudar as posibilidades de dispoñer de máis dun millón de metros cadrados de solo industrial para desenvolver o proxecto. A empresa chinesa busca tamén localización para unha fábrica de baterías.

En concreto, a opción sería a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves, coñecida como Plisan, situada a 35 quilómetros de Vigo e cunha superficie bruta de case tres millóns de metros cadrados, que serán catro millóns proximamente tras a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, actualmente en tramitación.

A Xunta amosou a súa satisfacción polo feito de que a empresa chinesa puxese os seus ollos en Galicia. “Que unha empresa de referencia como BYD fixouse en Galicia como unha das alternativas para construír en Europa a súa primeira fábrica de vehículos eléctricos significa que se están facendo ben as cousas, que Galicia é un lugar que achega estabilidade e confianza”, dixeron a Efe fontes da Conselleria de de Economía, Industria e Innovación.

A Xunta é, xunto coa Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, unha das tres entidades promotoras da Plisan. BYD fixouse nese parque empresarial, onde desde o pasado abril opera a conservadora Albo, tamén de propiedade chinesa, nunhas instalacións de 25.000 metros cadrados.

Galicia compite por convencer a BYD con outros países, como Francia, Alemaña, Hungría ou Polonia, e a Xunta promete “poñer todas as potencialidades coas que contamos en Galicia, especialmente en todo aquilo que compete á Administración autonómica, como é en materia de formación, innovación e de axilización administrativa” para captar este investimento.

Por iso, lembra que Galicia ofrece un marco normativo adecuado, mantendo todas as garantías, a través da Lei de simplificación administrativa e a Lei de áreas empresariais”, pero lembra a importancia de “contar co apoio do resto de administracións e axentes socioeconómicos para que a candidatura galega sexa cada vez máis atractiva”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos