Publicador de contidos
Publicador de contidos

A campaña da renda comeza este mércores con subas para as grandes rendas de capital

A campaña da renda comeza este mércores con subas para as grandes rendas de capital

A campaña da renda de 2023 estenderase ata o 1 de xullo, coa redución de tributación para rendas baixas do traballo e a suba para rendas altas de capital

Unha das novidades na campaña de 2023 é a nova dedución do 15 % para a compra dun vehículo eléctrico enchufable novo

Declaración da renda (Europapress Arquivo) Declaración da renda (Europapress Arquivo)
G24.gal 01/04/2024 08:53

A campaña da renda de 2023 arrinca o vindeiro mércores 3 de abril e estenderase ata o 1 de xullo, coa redución de tributación para rendas baixas do traballo e a suba para rendas altas de capital como grandes novidades.

Quen ten que facer a declaración?

Na campaña da renda de 2023 estarán obrigados a presentar declaración os contribuíntes con rendas do traballo superiores a 22.000 euros dun pagador ou 15.000 euros de máis dun, entre outros supostos.

Tamén están obrigados a declarar todos os perceptores do ingreso mínimo vital (IMV), aínda que isto non implica que teñan que tributar por eses recursos, e os contribuíntes que estivesen dados de alta como autónomos nalgún momento de 2023.

Prazos de presentación

Desde o 3 de abril pódese acceder ao borrador e presentar a liquidación de IRPF por Internet, tanto a través do programa Renda Web como da aplicación móbil da Axencia Tributaria, previa identificación con certificado electrónico, número de referencia ou Cl@ve PIN.

A declaración poderase presentar por teléfono a partir do 7 de maio, e de maneira presencial en oficinas desde o 3 de xuño. O prazo finaliza en todos os casos o 1 de xullo, salvo que se queira domiciliar o pagamento para ingresar, nese caso ten que entregarse antes do 26 de xuño.

Redución para rendas baixas

As rendas baixas gozaron en 2023 dunha rebaixa fiscal, o mínimo exento de tributación elevouse de 14.000 a 15.000 euros e incrementaron as reducións para rendas do traballo inferiores a 21.000 euros brutos, que na maioría dos casos estará xa aplicada vía retencións.

Os autónomos acollidos ao réxime de módulos poden aplicar unha redución adicional do 5 % no rendemento neto (ata un total do 10 %) no exercicio 2023 e os do réxime de estimación directa simplificada, unha redución do 7 % para gastos deducibles de difícil xustificación (en lugar do 5 %). En cambio, no exercicio 2023 elévanse os tipos para as rendas do capital máis altas, que escalan ata o 27 % para rendas de entre 200.000 e 300.000 euros (un punto máis) e o 28 % para rendas superiores a 300.000 euros (dous puntos máis).

Dedución para a compra de coches eléctricos

Unha das novidades na campaña de 2023 é a nova dedución do 15 % para a compra dun vehículo eléctrico enchufable novo e non afecto a actividades económicas, ata unha base máxima de 20.000 euros, e outra do mesmo importe, cunha base máxima de 4.000 euros, para a instalación de sistemas de recarga de baterías, sempre que o investimento se realizase a partir do 30 de xuño.

Continúa en vigor a dedución por actuacións para mellorar a eficiencia enerxética da vivenda habitual ou en alugueiro, por ata un 40 % do investido sempre que reduza en polo menos un 7 % a demanda de calefacción e refrixeración. No caso de que as obras afecten a un edificio residencial completo, a redución é do 60 %.

Mantense o tope de achegas deducibles a plans de pensións en 1.500 euros para plans individuais e 8.500 euros para plans de emprego, aínda que agora se permite que neste último caso a traballadora achega máis que a empresa, de acordo a uns coeficientes. O límite conxunto mantense en 10.000 euros.

Ampliación da dedución de maternidade

Outra novidade é a ampliación da dedución de maternidade, que agora tamén poderán solicitar as nais en situación de desemprego ou que se dean de alta na Seguridade Social con posterioridade ao nacemento, e a súa extensión para gastos de escolas infantís en ata 1.000 euros anuais, aínda que o centro non sexa educativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade