A Bonoloto deixa 4 millóns de euros en Xinzo
Polo de agora descoñécese a identidade da persoa afortunada
Curiosidade e sorpresa entre os clientes que hoxe se achegaban á administración número 1 de Xinzo de Limia.
Dende primeira hora, un novo cartel forma parte da súa listaxe de premios e, ollo, que este non é pequeno. Case catro millóns de euros deixou aquí o primeiro premio da Bonoloto.
Alegría e nervios para os loteiros, como é lóxico, e resignación para os que un día máis comprobaban que o premio millonario non estaba entre os seus boletos.
Certo que é sen dúbida un dos maiores premios que tocou nunca na vila.
Polo de agora segue a ser un misterio quen pode ter o boleto gañador no peto.
Con todo, na administración encargada de repartir a sorte din que gardan unha botella de cava ben fresquiña por se acaso o agraciado ou agraciada decide darse a coñecer e brindar cos seus veciños.