A Axencia Europea do Medicamento aproba a vacina española contra a covid
Hipra, a farmacéutica que a desenvolveu, destaca que se trata dunha vacina "de nova xeración"
Vaise empregar como dose de reforzo en persoas de máis de 16 anos
Dous hospitais galegos participan nas probas finais da vacina española de Hipra
A Axencia Europea de Medicamentos (EMA) deu este xoves o seu visto e prace a Bimervax, a vacina do laboratorio español Hipra, como "reforzo" para persoas maiores de 16 anos que xa recibisen unha dose dunha vacina de ARNm, polo que se converte na novena vacina apoiada pola EMA.
A Comisión Europea, que ten a última palabra sobre a autorización da licenza de comercialización na Unión Europea de Bimervax, asinou en agosto un contrato con Hipra que dá dereito aos países europeos a adquirir ata 250 millóns de doses desta vacina, unha vez autorizada.
"Vacina de nova xeración"
A vicepresidenta executiva e directora de I+D e Rexistros de Hipra, Elia Torroella, destacou que a vacina española contra a covid é "de nova xeración" e responde ás necesidades actuais ante a pandemia.
Torroella, que exerceu de portavoz da compañía tras o visto e prace europeo á vacina Bimervax contra a covid-19, cualificou o día de "moi especial e emotivo" para todo o equipo destes laboratorios afincados en Amer (Xirona).
"Isto é grazas ao esforzo, o compromiso, o coñecemento, a ilusión, a perseveranza e o optimismo do equipo de Hipra xunto a moitos investigadores e centros de investigación, hospitais, profesionais sanitarios e profesionais expertos en moitas áreas", subliñou a EFE a portavoz de Hipra