A Arxentina, ante dous modelos de país
Preto de 36 millóns de arxentinos elixen presidente este domingo
O peronista Massa e o ultradereitista Milei chegan igualados á segunda volta
Uns 35 millóns 800 mil arxentinos están convocados a elixir este domingo o seu presidente para os próximos catro anos.
Os candidatos, o peronista e actual ministro de Economía, Sergio Massa, e o ultradereitista Javier Milei, confrontan dous modelos de país pero chegan a esta segunda volta dos comicios igualados nas enquisas.
"Non hai unha definición por un ou por outro. Hai que esperar ata o final", resume un cidadán.
A situación económica, con preto dun 140 % de inflación interanual e catro de cada dez arxentinos baixo o limiar da pobreza, mobiliza os que se decantan polo cambio.
"Vou a votar a Milei. Non estou de acordo con todas as súas políticas sociais pero si coa maioría das económicas", expón unha moza.
"Caeunos o salario, o poder adquisitivo, caeunos todo. Desde que está Massa, estamos cada vez peor", asevera un home.
Pero Massa xa logrou, contra prognósticos, quedar á cabeza na primeira volta, e os receos que esperta a figura de Milei xogan ao seu favor.
"Milei remite a experiencias como a do Brasil ou mesmo a Trump nos Estados Unidos, que estiveron no bordo do democrático", opina un cidadán.
"O meu voto é por Sergio Massa porque, dos dous modelos que están en discusión, é o que me garante basicamente seguir con vida e que non volva a ditadura cívico-militar", afirma outro.
A formación ultradereitista de Milei enturbou as horas previas á votación lanzando sospeitas, sen probas, de fraude electoral.