O aumento de contaxios na área de Vigo condiciona a actividade hospitalaria
Rexistra 3.731 casos activos e 20 persoas están ingresadas na UCI
No hospital Álvaro Cunqueiro xa se suspenderon as cirurxías de tarde
A área sanitaria de Vigo amence con 212 casos activos máis ca este sábado. É dicir, xa son 3.731 persoas as que teñen a infección activa. Dese total, 75 precisan ingreso en planta e 20 en UCI.
Esta é a área sanitaria coa maior incidencia de toda Galicia, e estes datos poderían seguir subindo dado o alto número de PCR que se están a realizar en puntos móbiles como o do Naútico, na cidade olívica. Nesta unidade estanse a realizar unhas mil probas diarias.
No covid auto do Cunqueiro a situación é similar. Alí realízanse un milleiro de diagnoses ao día. Só nas últimas 24 horas, detectáronse 377 novos positivos nesta área sanitaria.
Neste hospital xa se suspenderon todas as cirurxías de tarde e estanse reprogramando as da quenda de mañá que non son prioritarias. Deste xeito, tentan facer unha previsión de recursos polo que poida pasar nas vindeiras semanas.