A área sanitaria de Ourense triplica as probas diagnósticas
Pasaron de 200 a máis de 600 PCR diarias
Foi preciso ampliar o persoal dos auto-covid
O incremento de casos positivos na área sanitaria de Ourense leva a que haxa que incrementar tamén o número de probas diagnósticas que se realizan nos hospitais de referencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. O procedemento máis empregado son as unidades auto-covid. O dato preocupante é que, só en Ourense, de 684 PCR realizadas onte, houbo 67 positivos, é dicir, máis dun 9 %
De 200 PCR diarias que se realizaban hai dúas semanas en Ourense pasouse a máis de 600 nos últimos días. O disparo dos contaxios en diferentes concellos ourensáns levou os responsables sanitarios a ampliar o número de probas. Tanto as PCR como as serolóxicas para as persoas doentes ou pendentes de intervencións.
Nas horas punta fórmanse colas ás portas dos auto covid. Entre os que acoden hai numerosos cativos, logo dos gromos nos centros de ensino. As probas diagnósticas van seguir aumentando en toda a provincia nos vindeiros días.