A A-52 segue cortada en Xinzo polas protestas contra o acordo da UE co Mercosur
Un cento de tractores bloquean a autovía na comarca da Limia dende o xoves ao mediodía
Un cento de tractores bloquean a A-52, ao seu paso por Xinzo de Limia, dende o xoves ao mediodía. Neste punto da autovía, preto da saída 193, van continuar ata que se atendan as reivindicacións do sector.
Levan máis dun mes en pé de guerra contra o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur e, segundo Javier Losada, agricultor da comarca, "estamos no punto de partida".
"As reivindicacións seguen a ser as mesmas. O caso que se nos fixo foi omiso (...) Seguimos pedindo primeiro respecto e segundo educación. Porque levar un mes e non atender ningunha das nosas reivindicación, estar a mentirnos continuamente... Despois, non atender nin a votación do tribunal...".
Preocúpalles a falla de información e lamentan que "ninguén sentara" con eles a explicarlles as "vantaxes" que poida ter o tratado, "que ao mellor algunha ata vai ter", asegura Losada.
É a segunda vez que cortan esta autovía. A principios de xaneiro desprazaron os tractores ao quilómetro 188, na saída de Ababides.
"Non agardaban que con frío, con calor, con neve, botáramos mes e unha semana na rúa. Seguimos estando aquí e seguiremos ata que nos boten", asegura o gandeiro e portavoz, Miguel Gómez.
Queren falar con algún alto cargo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
"Están convidados a vir a Galicia, ou senón facer unha videoconferencia ou chamada", sinala.
Tamén están dispostos a se desprazar a Madrid. Con todo, non descartan novas mobilizacións nos vindeiros días co resto de tractores.