As técnicas de imaxe cardíaca revolucionan o tratamento das doenzas cardiovasculares
500 especialistas en imaxe cardíaca revisan as últimas novidades nun congreso en Santiago
Permiten ver como latexa o corazón, se ten algún dano; obstrucións, masas ou anomalías. As técnicas de imaxe cardíaca revolucionaron o tratamento das doenzas cardiovasculares.
"Diagnostícase con moita máis precisión e moito antes", afirma Victoria Delgado, presidenta da Sociedade Europea de Imaxe Cardíaca. E esa celeridade permite que o paciente "sexa tratado en mellor condición do seu estado clínico", e que as terapias sexan "máis eficaces", di.
Máis eficaces e menos invasivas, porque evitan moitas intervencións cirúrxicas. Segundo a presidenta da Asociación española de Imaxe Cardíaca, Amparo Martínez, "é fundamental -por exemplo- para o tratamento de válvulas sen necesidade de ir a cirurxía".
Manuel Barreiro, responsable da unidade no hospital Álvaro Cunqueiro, pon máis exemplos: "diagnósticos de determinadas cardiopatías requirían ingreso, procedementos invasivos como cateterismos e período de recuperación... iso cambiou completamente".
Cousa de 500 profesionais actualizan coñecementos estes días en Santiago, no congreso anual de imaxe cardíaca. Teñen todos os avances tecnolóxicos dispoñibles, e o reto é que cheguen á maior cantidade de xente posible.
"Temos todas as técnicas de imaxe que hai neste momento", di Amparo Martínez. Para ela, o difícil xa non é ter, senón xestionar. "Vivimos na 'fascinación tecnolóxica', hai que facerlle de todo a todo o mundo, e iso non é así", opina.
A intelixencia artificial vai axudar a tomar esas decisións. "Vai facilitar o acceso ás técnicas de imaxe a moitas persoas", opina Victoria Delgado. Con técnicas de screening que permitan indicar cales son os pacientes que realmente se teñen que derivar para probas específicas, explica.
Aquí hai unidades de imaxe cardíaca avanzada en Santiago, Vigo e A Coruña.