Publicador de contidos
Publicador de contidos

50 anos da Revolución dos Caraveis: Portugal celebra medio século de democracia

50 anos da Revolución dos Caraveis: Portugal celebra medio século de democracia

O país conmemora a caída da ditadura con actos políticos e cidadáns

G24.gal 25/04/2024 11:16 Última actualización 25/04/2024 15:18

As conmemoracións polo 50 aniversario da Revolución dos Caraveis en Portugal, que puxo fin á ditadura, iniciáronse este xoves en Lisboa cunha cerimonia militar na céntrica Praça do Comércio.

Lisboa é hoxe o epicentro das celebracións, que conmemoran a caída hai medio século do réxime autoritario do Estado Novo, que gobernou o país entre 1926 e 1974.

O evento está presidido polo presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, que está acompañado polo primeiro ministro, Luís Montenegro, e membros do seu Goberno, á parte das máximas autoridades lexislativas, xudiciais e militares.

O acto iniciouse sobre a 9:30 hora local. Unha columna de vehículos militares antigos, que partiu a pasada madrugada desde Santarém (80 quilómetros ao norte de Lisboa), participou na marcha simulando a que realizaron algúns dos capitáns de Abril cincuenta anos atrás.

Dita columna permanecerá este xoves na praza para que a cidadanía poida velos de preto e falar cos militares que participaron na revolución de abril de 1974.

Miles de persoas, moitas delas con caraveis, acudiron este xoves á Praça do Comércio a ver a cerimonia. Entre o público había excombatentes e mulleres vendendo caraveis entre os asistentes.

Ás 11:30, e como marca a tradición dos anteriores aniversarios, o Parlamento portugués celebra unha cerimonia solemne, que estará marcada pola presenza dos 50 deputados de Chega, o maior número de escanos en poder da ultradereita desde a Revolución dos Caraveis.

Non será ata a 15:00 cando terá lugar o habitual desfile popular, de acceso libre, que percorrerá a avenida da Liberdade (unha das principais arterias da capital) e culminará na praza Dom Pedro IV (popularmente coñecida como Rossio), onde terán lugar varias intervencións e actividades. 

Portugal conmemora este 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, nun momento marcado polo avance da ultradereita no país, cun número sen precedentes en democracia de deputados ultras no seu Parlamento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar