Publicador de contidos

Publicador de contidos

230.000 persoas despiden a Pelé no único día de apertura da súa capela ardente

230.000 persoas despiden a Pelé no único día de apertura da súa capela ardente

Un multitudinario cortexo fúnebre acompañouno polas rúas de Santos, a localidade en que desenvolveu a maior parte da súa carreira

A súa familia deulle o último adeus nunha cerimonia íntima reservada a amigos e parentes

G24.gal 03/01/2023 21:07

O exfutbolista brasileiro Edson Arantes do Nascimento 'Pelé', falecido o xoves pasado aos 82 anos de idade, foi enterrado este martes no Memorial Necrópole Ecuménica de Santos, nunha cerimonia reservada a familiares e amigos próximos.

'O Rei' recibiu sepultura despois dun multitudinario cortexo fúnebre polas rúas de Santos, a cidade do litoral de São Paulo onde completou a maior parte da súa carreira deportiva.

O antigo dianteiro da Canarinha, o único en gañar tres mundiais como xogador, descansa no primeiro piso deste cemiterio vertical con aspecto dun bloque de apartamentos de praia, considerado o máis alto do mundo.

Á entrada do espazo onde se atopan os seus restos mortais, que foron embalsamados, hai dúas estatuas douradas de Pelé, idénticas, nas que aparece vestido de curto, de brazos cruzados e coa perna dereita sobre unha pelota.

Milleiros de persoas ocuparon este martes as rúas de Santos para dar o último adeus ao seu maior ídolo, que morreu o pasado 29 de decembro nun hospital privado de São Paulo por danos derivados do cancro de colon que sufría desde 2021.

Antes, tivo lugar un velorio dun día sobre o céspede do estadio Vila Belmiro, a casa do Santos, onde acudiron unhas 230.000 persoas, segundo informou o club albinegro.

Ata alí achegáronse diversas autoridades, entre elas o xefe de Estado brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, que asumiu o seu mandato o domingo; e o presidente da FIFA, Gianni Infantino.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar