Publicador de contidos

Publicador de contidos

147 bandeiras azuis "consolidan Galicia por calidade excelencia e sustentabilidade", di Rueda

147 bandeiras azuis "consolidan Galicia por calidade excelencia e sustentabilidade", di Rueda

Este ano ondearán 10 máis ca o pasado

A nosa é a segunda comunidade de España con máis distintivos

Sanxenxo e Vigo repiten como os dous concellos de España con máis areais premiados

O acto de entrega celebrouse en Xove. EFE/Eliseo Trigo.
G24.gal 10/06/2026 15:28

O presidente da Xunta destacou este mércores que as 147 bandeiras azuis coas que conta Galicia este ano, 10 máis que no exercicio anterio, “ofrecen todas as garantías” e consolidan a Comunidade como un referente internacional "de calidade, excelencia e sustentabilidade turística".

Durante a súa participación no acto de entrega das bandeiras, celebrado no municipio lucense de Xove e no que tamén estivo presente a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o titular do goberno galego subliñou que “para falar de Galicia Calidade fan falta exemplos visibles e reconocibles como o son estas bandeiras”, unha marca que xera confianza e valor, porque son un símbolo recoñecido polos visitantes.

Rueda felicitou aos municipios recoñecidos con estas bandeiras e agradeceu o traballo da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) por impulsar Galicia a superarse ano tras ano, á vez que avogou por seguir mantendo esa esixencia que “nos beneficia a todos”.

Nesta edición Galicia recibiu un total de 147 bandeiras azuis distribuídas en 118 praias, 11 portos e 18 centros. Con estas cifras, Galicia convértese na Comunidade que máis crece “en bandeiras azuis” e a segunda con máis galardóns de España, o que supón que un de cada cinco recoñecementos concedidos en todo o país recae en territorio galego.

Ademais, os municipios de Sanxenxo e Vigo repiten como os dous concellos españois con máis areais galardoados. Como novidades deste ano, destaca a incorporación de catro novas praias que obteñen o distintivo por primeira vez: Niñóns (Ponteceso), O Laño (Poio), Pampaído (Sanxenxo) e a praia dos Franceses (A Veiga), que se converte na primeira praia da provincia de Ourense en conseguir unha bandeira azul.

Así mesmo, incorpóranse dous novos centros azuis: as sedes da Coruña e de Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

Alfonso Rueda incidiu en que este liderado ten un mérito especial cando está a piques de cumprirse, o próximo 1 de xullo, o primeiro aniversario desde que Galicia asumiu as competencias efectivas na xestión do seu litoral. 

Rueda destacou que este será “o primeiro verán de xestión plena do noso litoral”, para “ordenalo, poñelo en valor, darlle un sentido, un relato, arranxalo onde faga falta e facelo accesible”.

Destacou, ademais, o enorme interese que suscitou ese Camiño do Litoral, porque “xente de moitísimas partes, algunhas de moi lonxe de Galicia, quere saber en que consiste, como pode vir desfrutalo, para percorrelo e coñecelo”.

Ao seu xuízo, “é a demostración de que, se facemos as cousas desde aquí e facémolas ben, sempre é mellor. Ese a mensaxe que mandamos con estas bandeiras azuis, que é perfectamente compatible manter en perfecto estado de revista os nosos tesouros naturais e permitir a vida económica”.

Nese sentido, lembrou que este mesmo verán os cidadáns xa poderán comezar a percorrer, a pé ou en bicicleta, o Camiño do Litoral, un gran itinerario de máis de 1.300 quilómetros, dividido en 53 etapas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade