As oposicións de Educación celebraranse en 14 concellos para evitar aglomeracións
A Xunta descentraliza os exames por segundo ano consecutivo
Educación convoca este ano 2.484 prazas en distintas especialidades, ás que aspiran 23.000 matriculados. Os exames celebraranse o sábado e o domingo en catorce localidades das catro provincias, como explica o conselleiro de Educación Román Rodríguez: "O que queremos con isto é que, polo menos desde a perspectiva loxística, sexa doado para os alumnos facer os exames".
Rodríguez lembrou que o ano que vén se ofertará un número de prazas similar, aínda que haberá dous procesos de acceso diferentes, marcados polo novo marco legal do Estado: o concurso de méritos e o concurso oposición.
O conselleiro avanzou que, tras eses procesos, Galicia terá unha taxa de temporalidade no ensino do 6 %, fronte ó 8 % actual. Unhas porcentaxes moi por debaixo da media estatal, na que a temporalidade está agora nun 25 %.
Rodríguez tamén se referiu ó novo modelo de ABAU que vai presentar o Goberno central en setembro. O responsable de Educación di que descoñecen como vai ser a proposta e lembra que a Xunta leva tempo reclamando uns exames "máis homoxéneos no Estado para evitar desigualdades".