"Xa rematou todo", díxolle Ana Sandamil ao seu mozo tras o asasinato da súa filla
Familiares e achegados inciden na súa precaria saúde mental antes do crime
Os sanitarios que atenderon a acusada vírona tranquila e orientada
"Xa acabou todo". Foi o único que lle dixo Ana Sandamil ao seu mozo cando a foi visitar á unidade de Psiquiatría do hospital de Lugo tras o asasinato da súa filla Desirée. O home e outros achegados da acusada incidiron en que o seu estado mental levaba meses sendo preocupante.
"Non durmía, levantábase pola noite, dicía que había xente fóra que a estaba espiando, saía ás fiestras e rexistraba a casa enteira".
Aos técnicos de emerxencias que acudiron ao domicilio o día dos feitos sorprendeunos a reacción da familia da nena mentres trataban de reanimala. Aseguran que ante unha situación así os familiares adoitan estar exaltados, molestando e dificultándolles o traballo. E o normal é ter que pedirlles que se retiren.
"E nós alí non foi o que percibimos. Falámolo o meu compañeiro e mais eu, que había algo raro no domicilio, que ninguén estaba preocupado".
Tanto os que acudiron en auxilio da nena como os sanitarios que atenderon posteriormente a Ana Sandamil por unha suposta inxestión de medicamentos, coinciden en que a acusada estaba consciente e orientada.