Axentes do Porriño salvan unha muller grazas ás clases pioneiras da Garda Civil de Pontevedra
Mantiveron con vida durante 25 minutos unha veciña de Torneiros que sufrira unha parada cardiorrespiratoria
A Comandancia da provincia imparte leccións de reanimación, atraogamento e para taponar hemorraxias graves
Incorporou esta formación porque a Garda Civil adoita ser a primeira en chegar aos accidentes ou a unha emerxencia médica
Defínense como unha peza máis unha cadea pero, neste caso, foron unha peza imprescindible. Tres axentes da Garda Civil do Porriño axudaron a salvar unha muller que sufriu unha parada cardíaca en plena rúa. Un deles mesmo estaba de día libre pero acompañara dous colegas a tomar un café no polígono de Torneiros. Foi entón cando entrou unha moza pedindo axuda.
"Moi nerviosa, dicindo que súa nai estaba tirada no chan. Saímos de inmediato e chegamos ao lugar, a dez metros, e estaba a muller morada, ensanguentada", lembra Eduardo García no mesmo punto no que interviron.
"Cando vimos que non tiña pulso nin respiración directamente empezamos coas manobras RCP. Porque iso é crucial, os primeiros minutos son cruciais", completa Luis Franco, o axente que aquela mañá estaba fóra de servizo.
Os axentes mantiveron con vida a muller durante vinte e cinco minutos ata que chegou unha ambulancia medicalizada. Sabían facelo porque van a clases. A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra foi pioneira a nivel estatal en incluír leccións de primeiros auxilios na formación continua que reciben os axentes do corpo. Pensaron que tiñan que aprender porque, moitas veces, a Garda Civil é o primeiro servizo que chega a un accidente ou a unha emerxencia sanitaria.
"Vimos a necesidade de que cando un garda civil chegase alí puidese facer unha reanimación cardiopulmonar ou atallar un sangrado", explica o capitán Félix díaz, profesor de Intervención e responsable de Formación na Comandancia de Pontevedra.
Os alumnos reciben clases de reanimación, uso de desfibriladores ou como resolver un atraogamento. Agora, tamén, para taponar hemorraxias importantes, porque é unha lesión que atopan con frecuencia os axentes en accidentes de tráfico ou agrícolas e forestais.
É unha formación continúa e permanente. Os aproximadamente mil seiscentos axentes que dependen da Comandancia de Pontevedra teñen que pasar polas clases dúas veces cada ano. Agora, tamén a Garda Civil de Lugo lles pediu colaboración para impartir este tipo de leccións. Como se demostrou no Porriño, e antes noutros lugares, son coñecementos que poden axudar a salvar unha vida.