'Sirat' logra dúas candidaturas aos Óscar: mellor película internacional e mellor son
O filme dirixido polo galego Oliver Laxe optaba a ser candidata ao premio en cinco categorías
Sirat, o filme dirixido polo galego Oliver Laxe, será finalmente candidata aos premios Óscar en dúas categorías: mellor película internacional e mellor son.
A gala de entrega dos galardóns que anualmente concede a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de Hollywood terá lugar o 15 de marzo na súa sede habitual, o Kodak Theatre de Los Ángeles.
As outras cintas nomeadas e que rivalizarán con Sirat para obter o premio como mellor película internacional son a iraniana Un simple accidente de Jafar Panahi, a norueguesa Valor sentimental de Joachim Trier, a tunisiana A voz de Hind de Kaouther Ben Hania e O axente secreto, cinta brasileira dirixida por Kleber Mendonça Filho e protagonizada por Wagner Moura.
O filme de Laxe optaba tamén a ser seleccionada nas categorías de mellor fotografía, mellor música orixinal, e mellor cásting, en que finalmente non logrou estar entre as cinco finalistas.
Oliver Laxe e o seu equipo recibiron con alegría, entusiasmo e abrazos os nomeamentos aos Óscar. Laxe destacou o "díficil" que é lograr estas candidaturas, e que non miran máis alá nin fan cálculos sobre as posibilidades de Sirat de facerse co premio nalgunha destas dúas categorías.
"Eu creo que xa está, dígoo sempre, xa o conseguimos e sempre hai máis boas noticias. Desde logo non temos nada que perder, todos isto son bonus. Non facemos as pelis para isto, pero estamos a gozalo tanto. Por iso estamos tan agradecidos porque é inesperado para nós", afirmou.
E na súa primeira valoración en galego, Laxe falou dos seus plans máis inmediatos, que son "viaxar a Pontevedra" para asistir á gala dos premios Feroz, e despois irse uns días a Navia de Suarna, lugar do que dixo "que me equilibra". "Foi a mellor decisión que tomei, estou moi feliz", asegurou sobre a decisión de instalarse alí, e convidou a todos os asistentes a visitar este lugar: "Benvidos todos aos Ancares".