Publicador de contidos
Publicador de contidos

Kirk sopra a máis de 160 km/h e deixa acumulación de máis de 180 l/m2

Kirk sopra a máis de 160 km/h e deixa acumulación de máis de 180 l/m2

Os restos do furacán provocan cancelación de voos, a interrupción da liña de tren entre A Escravitude e Santiago e a suspensión do transporte de ría

A caída de árbores dificulta a circulación e destaca, entre outras incidencias a caída do lateral do pavillón deportivo do instituto de Porto do Son

En municipios como Ponte Caldelas, Rianxo ou Neda miran aos ríos por risco de rebordamentos

Tellado do Conservatorio de Música de Santiago de Compostela
G24.gal 08/10/2024 16:08 Última actualización 09/10/2024 10:39

A borrasca Kirk xa se deixa notar en Galicia. Toda a comunidade autónoma permanece en aviso laranxa, que ascende ata vermello por mar de vento na costa de Pontevedra. A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) rexistrou 55 incidencias entre a medianoite e as 5 da mañá.

Á espera de que chegue o peor, Kirk xa deixa árbores caídas, que provocaron polo menos un accidente de tráfico na A-52 en Vigo e o corte da vía férrea entre Padrón e A Escravitude pola caída de árbores na liña, voos e transporte marítimo cancelados e ríos a piques de rebordar, coma o Verdugo en Ponte Caldelas ou o Belelle en Neda. Ademais, un dos carrís da Autovía de Marín está cortado pola preamar.

Ademais, os fortes refachos de vento derrubaron parte do polideportivo do instituto de Porto do Son, que tivo que cancelar as clases. Tamén permanecen pechados os parques e quedan canceladas todas as actividades ao aire libre, mesmo as festas do San Froilán en Lugo.

Parque pechado na cidade de Lugo Parque pechado na cidade de Lugo

Vento e chuvia

A borrasca rexistra un refacho máximo de case 167 km/h no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, na estación que Meteogalicia ten a 1.600 metros de altitude; alí rexistrouse outro este martes duns 160 km/h.

Na zona da costa de morte, en Vimianzo, chegaron aos 149. En Muras, Lugo, o refacho máximo foi de 141 km/h e en Cabeza de Manzaneda 134. 

Meteogalicia ten activado un aviso laranxa en toda a comunidade autónoma ata as 12 h por refachos de entre 100/140 km/h. A AEMET sitúaos na contorna dos 100 entre as 8 h e as 14 h.

E chaman tamén a atención os datos da chuvia acumulada desta hora. O lugar onde máis se recolleu foi no concello de Rois, con 184 litros por metro cadrado. Por baixo e roldando os 160 litros estarían Lousame (163) e Forcarei (con 160), e xa con valores máis baixos pero aínda importantes, destacamos o concello ourensán de Entrimo, que leva acumulados 130 litros por metro cadrado. 

Previsión dos acumulados en vinte e catro horas, ata hoxe ás 12 h 👇
Destacan #Muros, #Noia, #Xallas, #ABarcala, #Caldas, #TabeirósTerradeMontes, #BaixaLimia pic.twitter.com/6Vo4nwQlSz

No mar, o peor agárdase nas Rías Baixas, onde Meteogalicia activou unha alerta vermella por refachos de vento do sur de ata forza 10 en mar aberto.

Será, nun principio, ata as 9 h; despois poderán ser de forza 9, que é a que, segundo a AEMET, poden acadar no resto da costa. Irán a menos a partir do mediodía. Prevense ondas de ata sete metros en case todo o litoral pontevedrés e coruñés, que poden chegar aos cinco na Mariña.

Incidencias

Cancelación de voos e do transporte de ría

Air Europa suspendeu seis conexións desta mañá dos aeroportos de Vigo e da Coruña con Madrid e viceversa.

A compañía ofrécelles aos pasaxeiros afectados o cambio do billete para voar antes do próximo día 30 ou a posibilidade de gardar o importe para usalo nunha compra futura.

Tamén se cancelou o transporte de ría entre Vigo Cangas e Moaña.

Cóntase con que o peor da borrasca Kirk coincida coa preamar, por tanto, en concellos costeiros como o vigués pechouse o acceso aos puntos máis expostos como os paseos das Avenidas e de Bouzas ou o espigón do Náutico

Sen actividades no exterior nos colexios galegos e suspendidas ata as 18 h as festas do San Froilán

A Xunta suspendeu para esta xornada as actividades no exterior dos centros educativos e deixa en mans das direccións as decisións con respecto ás actividades extraescolares en función do risco.

Suspendéronse actividades ao aire libre en cidades e vilas, tamén as do San Froilán en Lugo ata polo menos as 18 horas. Tamén se pecharon parques e instalacións deportivas descubertas ou o acceso a praias como as da Coruña.

A Deputación de Pontevedra pechou ademais os castelos de Soutomaior e do Sobroso, en Mondariz.

No resto de España e en países veciños

Kirk tamén se está deixando sentir en parte da veciña Portugal e na cornixa cantábrica máis aló de Lugo. A AEMET advirte ademais da posibilidade dunha galerna pola tarde no Cantábrico oriental.

E en Francia, varios departamentos están en aviso laranxa ante a previsión de fortes chuvias, incluídos París e toda a rexión de Ille-de-France.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade