Publicador de contidos

Publicador de contidos

Martínez-Costas (CiQus): "O futuro das vacinas pasa por adaptarse ás variantes"

Martínez-Costas (CiQus): "O futuro das vacinas pasa por adaptarse ás variantes"

Non se sabe se teremos que vacinarnos indefinidamente

G24.gal 15/01/2022 12:37

No Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago, o CiQus, seguen adiante na procura dunha vacina contra a covid-19. O seu primeiro preparado non obtivo os resultados esperados, segundo revela o responsable do proxecto, José Martínez-Costas.

"Cremos que localizamos o fallo, xa reformulamos o preparado e empezaremos a probar outra vez nun mes ou así".

O investigador explica que o ensaio-erro é habitual nestes casos. Lembra que a vacina que preparan non leva material xenético e é máis barata e fácil de conservar. De momento teñen un ano por diante amparados por axudas.

"Demostramos, con outro tipo de virus, que estimula moi ben o sistema inmune e funciona ben como vacina".

Martínez-Costas espera que non teñamos que vacinarnos indefinidamente contra a covid-19, aínda que admite que non se sabe. Subliña que a terceira dose se puxo sen estudos que avalasen a súa eficacia pero que os resultados son bos. 

"Agora estase a ver que a progresión ao hospital e ás UCI da xente coa terceira dose está a ser moito menor que cando tiñan dúas".

O profesor considera que o futuro das vacinas contra a covid-19 pasa por adaptarse á singularidade das variantes.

"De feito, as empresas están traballando xa en variantes da vacina para adaptarse en principio á ómicron, porque a delta se bloqueaba bastante ben coas vacinas existentes pero a ómicron ten certa marxe de escape".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade