'O corno' e 'Matria' convértense nas grandes vencedoras dos Mestre Mateo
Tamar Novas repite como mellor intérprete masculino protagonista polo seu papel na película ¡Salta!
Rapa, votada como mellor serie de televisión, acada tamén os premios á mellor montaxe e música orixinal
Lucía Veiga, de Malicia noticias, distinguida como mellor comunicadora e Cos pés na terra, como mellor programa
O corno, participada pola TVG, foi a obra máis premiada na XXII gala dos Mestre Mateo, organizada pola Academia Galega do Audiovisual no Coliseum da Coruña. Fíxose con sete galardóns. A súa directora, Jaione Camborda, alzouse coa mellor dirección e o mellor guión.
O filme venceu ademais nos apartados de dirección de arte (Melania Freire), maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira), son (Sérgio Silva e David Machado), vestiario (Uxía Vaello) e longametraxe.

O equipo de Matria, película na que tamén colaborou o ente público, recolleu un total de cinco premios. No eido técnico, impúxose na dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e na de produción (Nati Juncal).

Do mesmo xeito, fixo pleno nas categorías de interpretación ás que concorría: feminina protagonista, para María Váquez, de reparto, para Susana Sampedro, e masculina de reparto para Santi Prego.

Rapa, votada como mellor serie de televisión, sumou ao palmarés os galardóns de mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e música orixinal (Xavi Font).
Dentro da ficción seriada, A arte de ser (mal) pai, da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo á mellor serie web.

Segundo ano consecutivo
Tamar Novas subiu ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo, para recoller de novo o premio á mellor interpretación masculina protagonista. Foi polo seu papel na longametraxe ¡Salta!, con participación da TVG.

Tamén o fixo a intérprete e humorista coruñesa Lucía Veiga, desta volta como mellor comunicadora, polo seu traballo á fronte do programa da Galega Malicia noticias.
Completan a listaxe de profesionais que marcharon con estatua Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de mellor realización por O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo, participada pola TVG.

Os espazos en branco, tamén con colaboración do ente público, impúxose na categoría de mellor documental. Pola súa banda, Cos pés na terra, de Filmax (Producións A Fonsagrada) para a TVG, acadou o premio ao mellor programa.

O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo, Oliveira dos cen anos, venceu na súa categoría e Chama a miña neta alzouse co trofeo a mellor anuncio publicitario.

Lidia Veiga e Miguel Canalejo presentaron a cerimonia de entrega e estiveron acompañados sobre o escenario por Fillas de Cassandra, encargadas de poñerlle música ao evento, coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza.
Un dos momento máis emotivos foi o protagonizado por Xosé Ramón Gayoso, que entregou o Premio de honra Fernando Rey a Eva Veiga. A gala reuniu, 39 anos despois, dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da TVG o 25 de xullo de 1985.
