Publicador de contidos

Publicador de contidos

O caso do Saltamontes encamíñase ao xuízo cos últimos recursos das partes

O caso do Saltamontes encamíñase ao xuízo cos últimos recursos das partes

O luns 22 remata o prazo para que se presenten os derradeiros escritos de apelación

A acusación particular pide prisión para o dono da atracción e a concelleira de Seguridade

G24.gal 19/06/2026 14:52

O vindeiro luns 22 de xuño remata o prazo para que as partes presenten os últimos recursos de apelación á instrución do caso do accidente do Saltamontes de Vigo. Despois, o xulgado que leva o caso poderá decidir xa se abre ou non xuízo oral polos feitos acontecidos durante as festas da parroquia de Matamá, en agosto de 2024.

A fase de instrución rematou con dous investigados: o dono da atracción e a concelleira de Seguridade de Vigo. El por non contar con todos os permisos necesarios e non garantir a seguridade do aparello. No caso da política, a acusación particular, que representa a parella do home falecido no sinistro, considera que é responsable por omisión, por non ordear que se precintase a atracción.

Segundo o avogado da familia, non tomou as medidas de control, suspensión ou precinto que estaba "obrigada a adoptar (...) permitindo así a continuidade dunha actividade non autorizada e perigosa". Na súa declaración en instrución, a concelleira descargou a responsabilidade na Policía Local.

"O que a min me consta e o que eles fan de xeito ordinario é: dende a Oficina de Seguridade remítenlles as resolucións e eles teñen que establecer as revisións e velar polo seu cumprimento", dixo Patricia Rodríguez en sede xudicial.

A acusación particular pide catro anos e medio de cárcere para os dous investigados, por delictos de homicidio e lesións por imprudencia. Tamén que queden inhabilitados durante seis anos para exercer emprego ou cargo público e en "todo aquilo relacionado con competencias de seguridade, inspección, e xestión de espectáculos públicos ou actividades recreativas".

Ademais solicita unha indemización de 150.000 euros para a parella do falecido, Iván Castaño, que tiña 36 anos cando se produciu o accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade