'Macrorrondalla' no Ifevi con 17 agrupacións e 1.500 músicos
Este fenómeno da cultura tradicional galega volve á primeira liña grazas ao éxito de 'Rondallas', película participada pola CSAG
O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acolle este sábado a partir das cinco da tarde a celebración do VIII Concurso de Rondallas organizado pola Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. O evento contará coa actuación de 17 rondallas pertencentes a varios concellos da zona sur de Pontevedra e preto de 1.500 rondalleiros.
A oitava edición deste certame contará con catro rondallas de Vigo, catro de Mos, tres do Porriño, dúas de Gondomar, ademais dunha de Nigrán, de Tui (Pexegueiro), de Redondela e de Baiona.
Agárdase que o público ateigue as 7.000 localidades dispoñibles no recinto feiral para gozar desta música tradicional galega, onde as cunchas son as protagonistas no lugar de instrumentos de corda tradicionais.