España reduce a xornada laboral media, pero seguimos traballando catro horas máis ca os holandeses
A semana laboral española suma 36 horas, fronte ás 32 dos Países Baixos ou as 34 horas de Alemaña
Nos países onde se paga mellor o emprego a tempo parcial os horarios de traballo son máis curtos
De sol a sol pero un pouco menos. No que vai de século, a cantidade de horas que traballamos en España reduciuse, dúas horas menos por semana, pero a xornada segue sendo máis alta cá media europea. Son os últimos datos de Eurostat: en España a semana laboral media suma 36,3 horas; no conxunto de Europa, 35,9.
Hai diferenzas notables por estados. Os Países Baixos teñen a semana laboral máis curta, 32 horas. Despois veñen Alemaña, Austria e Dinamarca, con 34 horas de traballo por semana. Do outro lado, países do sur e do leste: Bulgaria e Polonia (38,7 horas por semana) e Grecia (39,6).
No cómputo ten moita influencia o traballo a tempo parcial porque tamén hai diferenzas claras entre países. Onde hai máis traballo parcial, evidentemente, a media semanal de tempo de traballo baixa. Pero cómpre unha aclaración: en xeral, se hai moito traballo parcial é porque os traballadores poden asumir esa situación, se os salarios deses empregos son altos non necesitan traballar máis horas.
Por iso, os Países Baixos volven estar no alto desta clasificación, alí o 38 % dos ocupados traballan a tempo parcial. En España, son só o 13 por cento.
"Agora mesmo, se o puidese permitir, si. Reduciría o salario e a cantidade de horas que traballo", asegura unha moza que conta que vai solicitar unha redución de xornada na súa empresa.
"Eu creo que habería que traballar máis", apunta pola contra outro home no centro de Vigo.
"Eu fun autónomo... Xa traballei máis horas ca a mona Chita", lembra con retranca un antiguo autónomo agora xubilado.
"Ti podes traballar menos horas e ser igual de eficaz pero iso na hostalaría non funciona", lamenta unha moza que traballa nese sector.
Pero hai cousas que si funcionan. Hai negocios que decidiron reducir ou concentrar o tempo de traballo. E o experimento está indo ben.
"Antes da pandemia tiñamos un horario de catorce horas. Somos autónomos e hai que facer horas. Despois da pandemia cambiounos un pouquiño o chip e decidimos rendibilizar as horas mellor e empezar a pechar as fins de semana e polas tardes", explica Evaristo Fernández, 'Tito', propietario do histórico Café Bar Alcázar de Vigo.
En calquera caso, as estatísticas afianzan algúns dos tópicos europeos. Se nos fixamos só no traballo a tempo completo, volven aparecer as clásicas diferenzas norte-sur. Finlandia é o país con menor horario semanal, 37 horas; e Grecia onde máis se traballa, 40,6 horas de media.