Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulada en Vigo unha trama de explotación laboral a través dunha aplicación de citas

Desarticulada en Vigo unha trama de explotación laboral a través dunha aplicación de citas

As vítimas vivían en almacéns e traballaban en condicións laborais abusivas con xornadas de ata 16 horas diarias por 600 euros mensuais

Ademais do home que dirixía os negocios, tamén están investigados a súa exmuller e o seu fillo

TVG
G24.gal 13/01/2026 13:31 Última actualización 14/01/2026 14:32

Unha investigación permitiu identificar e protexer varias vítimas de explotación laboral que eran captadas a través dunha aplicación de citas, segundo informou a Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela.

A operación, realizada por axentes dunha unidade especializada contra a inmigración ilegal e falsidades documentais, comezou tras a denuncia dunha muller estranxeira que manifestou ser captada mediante unha aplicación de citas, indica un comunicado policial.

Segundo relatou a muller, un home ofreceulle vivenda e traballo en España a cambio de manter unha relación sentimental.

A vítima, de orixe suramericana, en situación administrativa irregular e cunha grave precariedade económica, aceptou a oferta e unha vez en territorio español foi sometida a condicións laborais abusivas.

Durante a investigación, os axentes localizaron outras vítimas, tamén de orixe suramericana e en situación irregular, que foran incorporadas ao persoal de varios establecementos de alimentación xestionados polo investigado.

Estas persoas residían, previo pago dun alugueiro, en almacéns habilitados como vivendas, en condicións mínimas de habitabilidade, e traballaban ademais de forma irregular.

As súas xornadas estendíanse desde as 4:30 ata as 21:00 horas, de luns a sábado, ademais da mañá do domingo, percibindo un salario aproximado de 600 euros que, en ocasións, nin sequera chegaban a cobrar. Segundo explicou Estela Otero, voceira da comisaría de Vigo-Redondela, traballaban máis de quince horas ao día por un salario que moitas veces non chegaban a percibir.

O responsable dos establecementos empregaba tamén outros estranxeiros en situación irregular, detectados previamente polos servizos de Inspección de Traballo.

Aínda que o home dirixía de facto os negocios, ningún dos locais figuraba ao seu nome, senón ao de familiares directos, como a súa exmuller e o seu fillo, quen tamén están a ser investigados pola súa presunta participación.

Toda a información solicitada foi posta en coñecemento da autoridade xudicial, e a investigación continúa aberta.

A Policía Nacional indica que, en coordinación coa Inspección Provincial de Traballo, mantén intensificadas as inspeccións en centros de traballo para detectar e combater calquera forma de explotación laboral.

Así mesmo, subliña a importancia de facilitar información, mesmo de maneira anónima, a través das diferentes canles de participación cidadá como o teléfono 900 10 50 90 de atención a vítimas de trata e o correo electrónico trata@policia.es para detectar persoas prexudicadas por explotación e poder auxilialas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade