Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Dígocho eu', premio da Cultura Galega 2021

'Dígocho eu', premio da Cultura Galega 2021

O galardón tamén recoñece a Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina

G24.gal 02/11/2021 16:05

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2021 elixiu este martes o espazo da CRTVG 'Dígocho eu', a Bernardino Graña, Antón Pulído, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina como os galardoados desta edición.

Os premiados, segundo indica a Consellería de Cultura nun comunicado, foron distinguidos nas modalidades de Lingua, Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo titular de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

'Dígocho eu'

No apartado de Lingua premiouse o espazo ‘Dígocho eu', a iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre lingua galega de maneira sinxela e eficaz a través de micropezas audiovisuais na CRTVG, presentado por Esther Estévez.

Bernardino Graña

Na modalidade de Letras o galardoado é Bernardino Graña, poeta, narrador e articulista nado en Cangas, que foi catedrático de Lingua e Literatura de educación secundaria e, desde mozo, formou parte do consello de redacción da revista poética Alba.

Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións como Vieiros, Grial ou Ágora e en 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega (RAG).

Antón Pulido

No campo das Artes Plásticas o premio é para o ourensán Antón Pulido, pertencente a unha xeración de artistas galegos que se mostran en plena madurez da súa traxectoria creadora. Tamén foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia nos primeiros anos 90 e primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994.

Nova Galega de Danza

En Artes Escénicas o recoñecemento foi para Nova Galega de Danza, xurdida a finais dos anos 80 e que conseguiu o segundo Premio do I Certame de Creación Coreográfica de Galicia, o cuarto Premio no I Maratón de Danza de Madrid, e quedaron finalistas no Certame Nacional de Danza Española e Flamenco de 2002.

Natalia Lamas

No ámbito da Música prémiase a pianista ferrolá Natalia Lamas, que é presidenta da asociación de Amigos da Ópera da Coruña, a entidade lírica máis antiga de cantas organizan en España tempadas de ópera.

Zaza Ceballos

O galardón en Audiovisual recaeu en Zaza Ceballos, produtora, escritora, directora cinematográfica galega e unha das pioneiras do audiovisual en Galicia, que neste mesmo ano tamén recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021 polo seu labor centrado no recoñecemento á muller.

Mosteiro de San Pedro de Rocas

O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural foi para o mosteiro de San Pedro de Rocas, o conxunto cenobítico máis antigo de Galicia e un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na roca viva na Ribeira Sacra.

Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina

Por último, o Premio Cultura Galega 2021 de Proxección Exterior recaeu na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FSG), unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega na Arxentina e impulsora, entre outras iniciativas, da editorial Alborada.

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia, un ano máis, o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

Recoñécese así a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade