Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lorenzana: "As políticas contra a violencia de xénero teñen que evolucionar en sensibilización"

Lorenzana: "As políticas contra a violencia de xénero teñen que evolucionar en sensibilización"

En Galicia, as denuncias por violencia machista aumentaron un 10 % no segundo trimestre deste ano

A lei de Igualdade da Xunta de Galicia chegará ao Parlamento no primeiro trimestre de 2023

G24.gal 25/11/2022 10:14

É 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O obxectivo é denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.

Cada once minutos unha muller ou unha nena é asasinada no mundo por un familiar. Son datos das Nacións Unidas. En España xa son 38 as vítimas mortais da violencia machista no que levamos deste 2022. En Galicia, as denuncias por violencia machista aumentaron un 10 % no segundo trimestre deste ano. Con todo, unha investigación presentada este xoves sobre Adolescencia  e Xuventude da Fundación FAD Juventud revela que o 15 % dos rapaces e o 8 % das rapazas en España negan que exista violencia de xénero e, de media, o 74 % xulga a violencia machista como un problema social moi grave, aínda que existe máis conciencia entre as mozas.

Sobre esta conciencia social da violencia machista e da nova Lei de Igualade que está preparando a Xunta de Galicia fala a María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, este venres na entrevista do 'Bos días'.

Sobre a percepción da xente nova fronte as agresións machistas, María Jesús Lourenzana di que "é un dato relevante e que se ten que coñecer. As políticas que estamos levando a cabo continúan incidindo no tratamento e na atención ás vítimas, e iso hai que mantelo por riba de todo, pero as políticas contra a violencia de xénero amais teñen que evolucionar na sensibilización e na formación de toda a cidadanía, insistindo desde as idades máis temperás".

A Conselleira de Igualdade di que desde a Xunta están facendo unha macroenquisa a partir dos doce anos, "porque entendemos que hai que empezar moi cedo, para saber como perciben realmente o concepto de violencia".

"É fundamental que se detecten as condutas machistas. Hai novas actitudes, que denominan novos machismos, no que inflúe o tipo de sociedade no que nos atopamos, redes sociais, comunicacións inmediatas e ademais incontrolables xeran moitísimas veces situacións de control, situacións de machismo verbal, que as mulleres teñen que ser capaces de percibir, e alertar e de cortar".

Polémica sobre a campaña e Igualdade da Xunta

Sobre a polémica que provocou a campaña de igualdade da Xunta de Galicia en diversos sectores e foros, a conselleira di que a "campaña da Xunta comezou o 12 de outubro, estivo mes e pico en funcionamento nos medios de comunicación e redes sociais e ninguén, nungún partido político, ningún cidadán cuestionou a campaña".

Lembra Lourenzana que onte só se recuperou "unha das imaxes da campaña con motivo de 25-N, pero o certo é que é unha campaña do pacto de Estado, financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e a campaña ten un obxectivo, creo que clarísimo para calquera que a vexa con sentido común e non a descontextualice, que é o que se fixo".

"A campaña vai absolutamente en contra das situacións de acoso, de intimidación, de agresión, de violencia e que podemos sufrir calquera muller, vai moi enfocada a xuventude, e o que trata é de denunciar que esas situacións existen; de feito o lema é 'A violencia de xénero non debería pasar, pero pasa, está sucedendo'. Esa mensaxe tense que trasladar con rotundidade á xuventude".

Salienta a conselleira de Igualdade que se está atopando "con xente nova o que di o mesmo que esa estatística, pon en tea de xuízo que exista a violencia de xénero. Polo tanto, é moi necesario amosar situacións reais que é o que se está amosando na campaña, que se vexa que se están dando situacións de control a través do móbil, das redes sociais, na liña da submisión química; temos un protocolo a través do Sergas para actuar nos casos de submisión química, e tamén as situacións derivadas da intimidación e do medo que poden sufrir as mulleres de noite. Isto vai nas últimas tendencias de facer cidades seguras, urbanismo iluminado... iso é o que é a campaña".

"A miña valoración do que sucedeu, a loita contra a violencia machista é unha cuestión de Estado e non se pode entrar en oportunismo político. É unha tristeza enorme que unha persoa cunha responsabilidade política como é a secretaria de Estado se centre en banalizar. Debería preguntarse ao chegar a súa casa se cree o que escribiu. Eu estou convencida de que non o cre, nin pensa iso".

"Onte conseguiu un terrible éxito, que foi sacar o foco dos violadores, dos agresores machistas, e poñer o foco no PP ou na Xunta de Galicia. Iso conseguiuno a secretaria de Estado".

A lei de Igualdade da Xunta de Galicia chegará ao Parlamento no primeiro trimestre de 2023

Sobre a aprobación da lei de  igualdade que está preparando o Goberno da Xunta, e que se levará ao Parlamento no primeiro trimestre de 2023, di a conselleira que espera "que haxa consenso".

"Teño que dicir que en Galicia si estamos atopando ese consenso no Parlamento. Creo que a sociedade galega está entendendo isto e os partidos políticos estamos intentando trasladalo. Xa houbo outros consensos; a violencia vicaria e a violencia dixital foron incorporadas a lei de violencia de xénero en Galicia por consenso de todas as forzas políticas".

Explica María Jesús Lorenzana que agora están  na tramitación do texto, "e eu estou para escoitar a todo o mundo, para incorporar todo o que estea dentro do sentido común. É unha lei que intenta incorporar os conceptos máis modernos: urbanismo seguro, discriminación múltiple e interseccionalidade e intenta tamén adaptarse á realidade galega cun estatuto para as mulleres do mar e do rural, intenta estar con todos os sectores e recoller, dalgún xeito unánime, esa loita pola igualdade e por incorporar a perspectiva de xénero".

 Minutos de silencio o 25-N ao mediodía en protesta contra as condutas machistas

A conselleira de Igualdade agarda que o minuto de silencio convocado para este mediodía teña o mesmo éxito que a andaina do domingo pasado contra a violencia machista.

"O domingo pasado celebrouse una andaina contra a violencia de xénero en que participaron máis de 7.000 en toda Galicia, porque se pode facer como fixemos aquí ese pequeno treito do Camiño de Santiago ata chegar a praza do Obradoiro, pero tamén na súa vila ou de xeito telemático, como fixeron unhas 800 persoas. É un camiño para poñer o foco no apoio ás vítimas e contra os agresores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade