Científicos reunidos en Vigo alertan do perigo de querer vivir 150 anos ou a suposta mellora da especie
Científicos reunidos en Vigo alertan do perigo de querer vivir 150 anos ou a suposta mellora da especie
O congreso da Asociación Española de Bioética reúne especialistas en medicina, xenética e dereito
Distintas empresas por todo o mundo investigan como alterar trazos humanos coas novas tecnoloxías
Os expertos advirten contra os intentos de recuperar conceptos do euxenismo do século pasado
Falábano Putin e Xi e parecía ciencia ficción. Pero é unha realidade. En distintos lugares do mundo, científicos e corporacións están investigando as posibilidades de prolongar a vida, alcanzar os 150 ou mesmo os 200 anos, como daban por seguro os mandatarios ruso e chinés. De conseguilo ou, cando menos, de prometelo, o negocio pode ser multimillonario pero, por suposto, xera moitas dúbidas. É un dos temas de discusión que se tratan no XV Congreso Internacional de Bioética que organiza en Vigo a Asociación Española de Bioética.
"Hai moitos cartos postos en investigación sobre como conseguir chegar a idades máis avanzadas con boa saúde", asegura o biólogo Ángel Guerra, presidente da Asociación Galega de Bioética.
"Sobre todo moitas empresas que están investindo en produtos biotecnolóxicos coa expectativa de ampliar a esperanza de vida, intentar vivir máis e mellor e incluso indefinidamente", engade Elena Postigo, directora do Instituto de Bioética da Universidade Francisco de Vitoria.
É unha das liñas do transhumanismo, unha corrente científica, ideolóxica e empresarial que pretende, supostamente, mellorar a especie humana a través da ciencia. Os seus seguidores apostan por utilizar técnicas de manipulación xenética, a nanotecnoloxía, os novos fármacos e, agora tamén, a intelixencia artificial, para alterar trazos humamos, tanto físicos como mentais. Evidentemente, provoca un enorme debate moral. Os especialistas reunidos en Vigo alertan contra o perigo de resucitar conceptos impulsados hai un século polo movemento do euxenismo.
"Intentar obter unha raza nova de seres humanos... Primeiro, quen decide que características son mellores ou peores? Segundo, a quen vai beneficiar iso?", pregúntase Nicolás Jouve, catedrático emérito de xenética da Universidade de Alcalá.
"É a xeración dunha sociedade onde as diferenzas sociais sexan en virtude das diferenzas xenéticas e o que un se poida aplicar ou non porque o poida adquirir", alerta a profesora Elena Postigo.
E non é o único debate preocupante no mundo da bioética. En Vigo, por exemplo, tamén se fala da ectoxénese: os experimentos, que xa se están facendo, para xestar embrións en úteros artificiais, crear un ser humano dentro dunha máquina. Xa se probou con algúns animais pequenos e hai quen pensa que pronto se podería conseguir con persoas.