Un quince por cento da poboación padece enfermidade renal crónica

A falta de sintomatoloxía provoca que moitos casos de enfermidade renal non sexan diagnosticados

G24.gal 28/10/2023 15:47

A enfermidade renal crónica aféctalle a arredor do quince por cento da poboación, é unha das causas principais de mortaldade en España. Unha doenza, din os especialistas, infradiagnosticada pola falta dunha sintomatoloxía evidente para os enfermos. 

"Moitas veces, sobre todo nos estadios iniciais, só se pode detectar mediante unha análise de sangue ou de ouriños. Un pode estar padecendo a enfermidade do ril e non ter ningún síntoma. De feito moitos doentes non cren que teñan enfermidade renal porque seguen ouriñando normalmente".

É precisamente esa falta de sintomatoloxía a que provoca que moitos casos de enfermidade renal non sexan diagnosticados. As cifras que se manexan é que arredor dun quince por cento da poboación adulta a padece e que esa porcentaxe medra significativamente a partir dos 65 anos. Iniciativas como o proxecto Galion buscan mellorar a detección temperá desta doenza. 

"Neste momento estamos realizando unha colaboración intensa e fluída con atención primaria que tamén se atopa moi motivada neste proxecto. Coido que imos polo bo camiño de detectar o antes posible a enfermidade renal crónica, porque así é a única maneira de que poidamos cambiar o curso da enfermidade e previr todas as complicacións cardiovasculares e demais asociadas".

A tensión arterial, os niveis de azucre en sangue, o alcol, o tabaco, a obesidade e automedicación son algúns dos factores de risco para esta doenza. Evitar o sedentarismo e levar unha dieta saudable e equilibrada son algunhas das recomendacións para atrasar a súa aparición. A incidencia desta enfermidade medrou nun trinta por cento nos últimos dez anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos