Stellantis gozará dunha nova plataforma eléctrica se existen eficiencia e axudas públicas

A adxudicación será imprescindible para que Stellantis continúe a súa actividade en Vigo a partir do 2027

O novo convenio aumentará os salarios ata un 4% en función do aumento do IPC

G24.gal 23/11/2023 18:09

A dirección da fábrica multinacional de automóbiles de Vigo, Stellantis, presentou este xoves a súa oferta final para o convenio colectivo de 2024 a 2027. Esta proposta inclúe o compromiso de adxudicar á planta da cidade galega a súa nova plataforma eléctrica, decisión que estará condicionada á eficiencia desta e que terá en conta as axudas públicas.

A oferta tamén contempla a evolución de mil contratos estables, unha paga de 400 euros tras asinar o acordo e unha suba salarial de ata o 4%, en relación co aumento de prezos IPC. Tanto a dirección coma os traballadores acordaron unha nova reunión o vindeiro luns, para analizar as condicións ofertadas e, en caso de acordo, asinar un novo convenio.

Segundo lle indicou a dirección aos empregados, nun contexto de descarbonización e regulación de emisións contaminantes por parte da Unión Europea, a adxudicación que se lles ofrece é un obxectivo imprescindible para manter a actividade industrial máis aló de 2027.

O grupo Stellantis adquiriu o compromiso de adxudicar ao centro de produción de Vigo a próxima arquitectura de vehículos eléctricos. O seu lanzamento está previsto para o período 2027-2028, pero no caso de que non sexa asignada á planta, calquera das partes podería solicitar a reapertura das negociacións do convenio colectivo. A decisión dependerá da eficiencia da planta e das axudas públicas dispoñibles.

Cambios nos contratos

O grupo está disposto a realizar nestes catro anos un milleiro de evolucións de contratros estables, dos cales 200 serán de duración indenfinida, 350 cambios de xornada de contrato a tempo completo con cláusula de variabilidade, e 450 supostos de caducidade da cláusula de variabilidade. Polo menos 150 de cada unha desas evolucións serán antes de que conclúa o ano 2024.

No caso da caducidade da cláusula, estas serán realizadas co mesmo criterio que as renovacións de contratos: 70% atendendo ás circunstancias organizativas e de perfil dos postos de traballo, e 30% por antigüidade.

No eido da clasificación profesional, dende a dirección propúxose a supresión do nivel de formación. Deste xeito, os novos contratos serán do denominado nivel 1B, cun soldo de entrada de 19.500 euros ao ano, pendente da actualización salarial de 2024.

En canto á remuneración, a oferta da dirección inclúe unha parte fixa, 400 euros á firma do convenio, que se aboará na nómina de decembro, e o incremento salarial en función do aumento do IPC ata o límite do 4%, a metade no complemento individual ou habilitación. En caso de que o IPC superase o 4%, aboarase unha paga non consolidable por un importe equivalente á diferenza entre esa porcentaxe e a do aumento de prezos acumulado.

Na parte variable, a empresa expón unha nova prima variable individual sobre o 70% da porcentaxe global, e un 30% que será igual para todos os beneficiarios.

Nas pagas extra, a planta viguesa de Stellantis ofrece volver á regra xeral de 14 pagas, á que se poden incorporar todos aqueles que teñen 12.

Cambios na xornada laboral

A xornada laboral mentense en 1.705 horas, establecendo durante a vixencia do convenio que un día que podía ser empregado para o desfrute colectivo, se poida aplicar a título individual.

Tamén se establece o carácter non voluntario da actividade en sábados que se programen ao longo do ano, cando a queda de adscrición estea de mañá a partir da entrada en vigor do convenio. Salvagárdanse as condicións particulares dos contratos que ao 31 de decembro de 2023 xa tivesen unha prestación de servizos de luns a venres, ou de domingo a venres.

A empresa pretende priorizar a conformación de equipos de persoal voluntario e con traballadores cuxo saldo de horas estea en negativo a partir de -10 días. Nestes casos, manterase a regulación de fixar como non voluntario un sábado ao mes.

En canto ao seu plan de igualdade, Stellantis quere asegurar como mínimo un 23,3% de representación feminina nos procesos de xestión de recursos humanos. Tamén para o mantemento de medidas de conciliación existentes e duplicar a dotación de prazas para alternativas especiais de redución de xornada, cunhas 30 pazas, e de adaptación de horario, con outras 30.

Esta proposta de novo acordo posibilita tamén solicitar a prestación de servizos de teletraballo a partir do 30% da xornada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade