Sánchez fala cun alto cargo do gabinete de guerra de Israel para tentar rebaixar a tensión diplomática

Na conversa, o presidente español trasladou que Israel ten dereito a defenderse, pero reiterou que España considera insoportable a morte de civís en Gaza

Fontes do Executivo manifestaron que o contacto foi construtivo, cordial e pode servir para reconducir a situación

G24.gal 01/12/2023 17:36 Última actualización 01/12/2023 18:13

Pedro Sánchez mantivo este venres unha conversa telefónica co exministro de Defensa de Israel e na actualidade membro do gabinete de guerra, Benny Gantz, para tentar rebaixar a tensión diplomática que existe entre ambos os países, aínda que se mantiveron nas súas respectivas posicións sobre o conflito entre Israel e Hamas.

Despois de que o ministro de Exteriores de Israel, Eli Cohen, chamara a consultas o xoves a súa embaixadora en Madrid, en protesta por unhas declaracións de Sánchez, o xefe do Executivo coincidiu co presidente israelí, Issac Herzog, na apertura do cumio climático COP28 de Dubai. Segundo informou a delegación española, non houbo ningún contacto entre os dous mandatarios malia que estiveron na mesma sala do cumio e na foto de familia. 

Con todo, si houbo esa conversa telefónica desde Dubai de Sánchez con Gantz despois de que, segundo as mesmas fontes, fora pedida por Israel case de forma inmediata tras a chamada a consultas da embaixadora en Madrid.

Gantz, exministro de Defensa e líder da oposición israelí, que se uniu ao gabinete de guerra conformado polo primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, tras estalar o conflito con Hamas, foi tamén o encargado de manter recentemente contactos con outros líderes internacionais cos que houbo friccións diplomáticas por mor do conflito.

Na conversacións deste venres entre o ministro israelí e Sánchez, o xefe do Goberno reiteroulle a súa condena aos ataques terroristas de Hamas e a súa esixencia de que sexan liberados os reféns israelís.

"Israel ten dereito a defenderse deste ataque terrorista, pero reafirmei que España considera insoportable a morte de civís en Gaza e que Israel debe cumprir co Dereito Internacional Humanitario", explicou nas redes sociais Pedro Sánchez.

Nelas informou tamén Gantz da conversación, na que explicou que "puxo ao día" a Sánchez sobre o conflito e a necesidade de que Hamas sexa desmantelado en Gaza.

"Puxen ao día -escribiu o exministro de Defensa- sobre a guerra e os acontecementos rexionais e salientei que, polo ben da seguridade de Israel e dos civís israelís e o restablecemento da estabilidade rexional, o grupo terrorista Hamas debe ser desmantelado en Gaza".

Desde o Goberno español informouse de que se estivo traballando nesta conversación desde a noite do xoves e que foi construtiva, cordial e pode servir para reconducir a situación. Ademais, aseguran que seguirán facendo todo o posible para lograr a normalización total e absoluta das relacións, aínda que non hai ningunha previsión de que Sánchez fale proximamente co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar