Salvamento Marítimo rescata 739 migrantes en catro embarcacións próximas á illa do Hierro

Hai catro migrantes falecidos e varios ingresados no hospital

Unhas 390 persoas foron trasladadas despois a Tenerife

 

G24.gal 04/11/2023 20:46 Última actualización 04/11/2023 21:47

O drama dos migrantes que chegan ás Canarias non cesa. Un avión de Sasemar avistaba de madrugada catro embarcacións, a máis afastada estaba a 77 millas do Hierro. Foi unha noite longa e complicada no mar.

Salvamento Marítimo e a Garda Civil rescataban máis de 700 persoas, varias delas menores, nas catro balsas que permanecían en augas próximas á illa do Hierro. Foron trasladadas nun primeiro momento ao porto de La Restinga. Uns 390 deses migrantes foron trasladados máis tarde a Tenerife.

Trece persoas dunha das embarcacións tiveron que ser evacuadas ao hospital da illa pola gravidade do seu estado de saúde. No centro hospitalario faleceron dúas delas. Na última das balsas rescatadas atoparon dous migrantes falecidos máis e outro tivo que recibir tamén asistencia sanitaria no hospital.

Este sábado tivo lugar o enterro dunha persoa migrante á que non se puido identificar. É outra sepultura sen nome no Hierro dunha vítima da ruta marítima canaria. Esta imaxe amosa, unha vez máis, a cara máis amarga do drama migratorio.

En total, no que levamos de ano, preto de 32.000 migrantes chegaron de maneira irregular ás Canarias ata este sábado, polo que se superou xa a cifra de 31.678 persoas que arribaron ao arquipélago a bordo de diferentes tipos de embarcacións na chamada crise dos caiucos do ano 2006.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade