Rueda anuncia un paquete de 56 millóns de euros para facilitar o acceso á vivenda

No 2024 aumentarán as axudas ao alugueiro, haberá incentivos a promotores e rebaixas fiscais para a compra de casas para rehabilitar

G24.gal 23/11/2023 19:12 Última actualización 23/11/2023 20:01

O Consello da Xunta aprobou este xoves un paquete de axudas por valor de 56 millóns de euros, ampliables, para facilitar o acceso á vivenda. O Goberno galego aumentará as subvencións ao alugueiro para colectivos que o necesitan, haberá incentivos para promotores que dediquen vivendas a alugar e rebaixarase o imposto de transmisións á compra de vivendas para rehabilitar.

A partir de xaneiro haberá novidades nos apoios ao alugueiro en Galicia. A Xunta cubrirá ata o 60 % da renda mensual que pagan os colectivos con máis dificultades para acceder a unha vivenda: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados e as persoas que levan máis dun ano inscritas no rexistro de demandantes. O requisito é non ter ingresos superiores a 22.500 euros.

Co obxectivo de aumentar a oferta de vivenda, a Xunta dará incentivos a promotores que dediquen inmobles ao alugueiro durante 15 anos. O importe estimado desta axuda será de 36.000 euros por vivenda e a contía elevarase ata os 42.000 euros en caso de que se lle dea opción de compra á persoa inquilina, segundo explicou Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No 2024 a Xunta rebaixará ademais o imposto de transmisión patrimonial ao 6 % na compra de inmobles para rehabilitación inmediata, ata o 4 % en zonas pouco poboadas. O xefe do Goberno galego Alfonso Rueda di que Galicia é a comunidade coa política de vivenda máis ambiciosa.

"Estamos traballando para impulsar 1.900 novos fogares de alugueiro e 3.000 de promotores privados. O obxectivo máis inmediato da Xunta é incrementar nun 50 % o parque galego de vivenda pública, o cal implicará un investimento de 250 millóns de euros", explicou o presidente.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade