As praceiras de Ribeira cren que a Policía Local abusa das multas no uso da zona de carga e descarga
As praceiras de Ribeira cren que a Policía Local abusa das multas no uso da zona de carga e descarga
Unha vendedora do mercado recibiu de golpe once multas por aparcar máis tempo do permitido
Cinco horas e media pola mañá e tres pola tarde é o tempo permitido para efectuar carga ou descarga no mercado municipal de Ribeira. O máximo de permanencia da furgoneta ou camión é de 30 minutos. Algunha praceira recibiu días atrás un lote de multas por, supostamente, exceder ese tempo
"As primeiras multas foron de xuño, e chegaron once multas xuntas por aparcar en zona de carga e descarga", afirma María, que traballa nunha peixería, e engade que precisan espazo de aparcamento para poder desenvolver o seu traballo.
Dolores, doutro posto de peixe, é outra vendedora tamén sancionada pola Policía Local nesta zona de carga e descarga. Considera que non lles chega coa media hora permitida de aparcamento: "Cousa que ás veces é insuficiente. Porque se un día vas pola sardiña, polo mexillón, se un día tes que descargar o peixe, descargar o xeo... trinta minutos non chegan para nada".
Comparte a queixa Pilar, que se dedica a repartir produto de horta polos mercado e explica: "Si, teño que andar dando voltas coa furgoneta para non pasar da media hora de aparcamento. Ando co tempo xusto, e se por riba teño que andar pendente do reloxo, non é xusto".
Sobre a notificación das once multas á vez, María pediulle explicacións ao Concello de Ribeira: "Dinme que é cousa da oficina que tramita as multas. Que non cheguen en tempo. Pero eu tívenas que pagar, porque se non perdía a bonificación. Así, non chegou a mil euros o total".
María avoga pola habilitación de zona de estacionamento específica para os profesionais do mercado municipal e que se amplíe a duración e o espazo para cargar e descargar.