Puigdemont advirte o PSOE de que votará co PP "se non hai avances suficientes"

Nunha conversa co presidente do PP Europeo, Manfred Weber, o líder de Junts díxolle que mesmo podería chegar a un acordo co PP para derrocar a Pedro Sánchez a metade do seu mandato cunha moción de censura

Junts e o PSOE reuniranse por primeira vez o vindeiro sábado en Xenebra

G24.gal 29/11/2023 09:59

O expresidente catalán e líder de Junts, Carles Puigdemont, advertiu de que se "non hai avances suficientes" nos seus acordos co PSOE, a súa formación podería sumar os seus votos aos do Partido Popular no Congreso dos Deputados para votar en contra de leis como as dos orzamentos do Estado.

"Poderiamos votar co PP para derrubar o orzamento ou por unha resolución sobre Israel, onde a nosa posición en realidade está máis aliñada" coa do partido que encabeza Alberto Núñez Feijóo, dixo Puigdemont a Politico durante unha cerimonia celebrada este martes á noite por este medio para desvelar a súa lista das 28 personalidades máis influentes de Europa en 2024, en que o catalán figura en segundo lugar entre os nove 'disruptores'.

Segundo informou este mércores este medio, Puigdemont díxolle onte á noite ao presidente do Partido Popular Europeo (PPE) e líder dese grupo no Parlamento Europeo, Manfred Weber, que mesmo podería chegar a un acordo co PP para derrocar o Goberno do socialista Pedro Sánchez a metade do seu mandato cunha moción de censura.

"Pero para iso, o PP debe dar un paso cara a nós. Non poden seguir tratándome como a un terrorista", dixo a Politico Puigdemont, quen recalcou que o seu único delito foi colocar urnas no referendo do 1-O, declarado ilegal.

Na mesma liña, o eurodeputado de Junts e exconselleiro Toni Comín tamén advertiu recentemente de que "o PSOE debe estar preparado para ter moitos desgustos" en votacións no Congreso dos Deputados, se non chega a acordos coa súa formación.

Nunha entrevista coa diario Ara, Comín asegurou que, a pesar de votar a favor da investidura de Pedro Sánchez, co PSOE "non hai ningunha obrigación de aprobarlle nada, nin orzamentos, nin decretos, nin leis, se nestes meses non se avanza", e prevé que a lexislatura será "difícil, cunhas negociacións duras".

Na súa conversa con Weber, Puigdemont desestimou as críticas do líder do PPE ao seu acordo co PSOE, e argumentou que "un referendo consultivo" sobre a independencia catalá era posible se se acordaba politicamente, segundo a conversación escoitada por Politico e na que tamén participou Comín, quen insistiu en que esa consulta era legal segundo a Constitución española.

En canto á controversia sobre o termo lawfare que figura no pacto político entre Junts e o PSOE, e que foi moi criticado polas asociacións de xuíces españois, Puigdemont dixo que era unha advertencia para aqueles xuíces e políticos que, segundo el, se extralimitaran nas súas funcións.

"O termo lawfare é como a cabeza de cabalo no Padriño: é unha advertencia de que falamos en serio", sentenciou nas súas declaracións a Politico.

Primeira reunión Junts-PSOE tras a investidura

Delegación de ambos partidos reuniranse en Xenebra o vindeiro sábado, 2 de decembro, no que será o primeiro encontro segundo o establecido no acordo de investidura de Pedro Sánchez, que inclúe a presenza dun verificador internacional.

Polo momento, só se coñece que asisitirá pola parte socialista o seu secretario de Organización, Santos Cerdán. Por parte de Junts, inicialmente acudirá á reunión o expresidente da Generalitat e líder do partido, Carles Puigdemont, aínda que se sumarán outros dirixentes da formación.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apoiou por primeira vez publicamente o pasado 24 de novembro no Cairo a figura do verificador internacional para o cumprimento do acordo de investidura con Junts. O presidente cre que esa figura, recollida no acordo de investidura entre o PSOE e JxCat, pode axudar debido a que os seus asinantes teñen posicións moi afastadas e hai moita desconfianza mutua.

Por outra banda, Cerdán restoulle importancia ao encontro deste sábado en Xenebra ao cualificalo como "unha reunión de traballo".

Anunciamos cando fixemos o acordo que ía haber reunións deste tipo, non é a primeira nin vai ser a última, polo tanto non hai que darlle máis importancia a unha reunión de traballo", declarou aos medios no Congreso dos Deputados durante a apertura solemne da XV Lexislatura

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade