Os hospitais galegos reformarán as salas de espera oncolóxicas

A primeira das obras realizarase no Complexo Hospitalario de Santiago, e posteriormente abordaranse as de Ferrol, Ourense, Vigo e Pontevedra

G24.gal 08/11/2023 16:16

O Sergas vai habilitar salas de descanso para os doentes nos servizos de oncoloxía de todos os hospitais galegos. A primeira vana construír no de Santiago.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este mércores o servizo de oncoloxía do CHUS e a terraza que van converter en sala de espera para estes doentes, que en ocasións pasan moitas horas no hospital para someterse a probas e tratamentos.

Van facer salas así tamén nos complexos hospitalarios de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo. Nos da Coruña e Lugo xa dispoñen delas.

O presidente galego recoñeceu que se trata dun investimento "pequeno", en comparación con outras como a próxima construción dun centro de protonterapia ou a posta en marcha das terapias CAR-T, aínda que melloran no posible a calidade de vida dos pacientes e dos seus familiares.

O doutor Rafael López, xefe do servizo de oncoloxía do CHUS, indicou que a falta de espazo para estas salas xera un problema engadido á propia enfermidade, unha das que xera un maior impacto e sufrimento aos pacientes.

"Con esta obra moi esperada, polos pacientes e por nós, mellorarase a calidade de vida dos pacientes e das súas familias", dixo.

Ao preguntarlle polas esperas excesivas no Sservizo de Oncoloxía que denuncian algunhas agrupacións de pacientes, o conselleiro recoñeceu que nalgún momento determinado puidéronse producir naqueles pacientes que acudían a revisión, polo que pediu desculpas, pero asegurou que xa se solucionaron e que os pacientes novos non tiveron este problema. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos