Intervida media tonelada de cocaína nun contedor de chatarra en Castelló

A droga, escondida en cilindros de grandes dimensións, procedía de Panamá

 

G24.gal 18/11/2023 11:28 Última actualización 18/11/2023 12:41

A Policía Nacional, nunha operación conxunta coa Axencia Tributaria, interveu en Almassora (Castelló) 561 quilos de cocaína procedentes de Panamá e detivo catro supostos narcotraficantes.

A droga ocultábase no interior de seis cilindros metálicos de grandes dimensións, entre miles de quilos de chatarra, que chegaran ao porto de Valencia en contedores.

Na mesma operación interviñéronse 23.315 euros en efectivo, un vehículo de gran cilindrada e ferramentas para extraer a droga (radiais e 75 discos de corte), entre outros efectos.

A investigación iniciouse no mes de outubro, cando as forzas de seguridade tiveron coñecemento da chegada ao porto de Valencia de catro contedores de chatarra sospeitosos, a bordo dun buque procedente de Panamá.

Nunha primeira inspección, detectaron entre a ferralla seis grandes cilindros metálicos aparentemente macizos. Cun peso de centos de quilos, resultaban anómalos en relación co resto de mercadoría transportada.

Ante a dificultade de levar a cabo unha inspección máis exhaustiva, fixeron un seguimento do material que foi trasladado ata unha nave pertencente a unha empresa de despezamentos, situada no polígono industrial de Almassora (Castelló).

O responsable da nave, segundo a Policía, inspeccionaba e controlaba as operacións de descarga e prestaba especial atención aos seis cilindros metálicos.

Por outra banda, os axentes constataron a presenza dunha cuarta persoa na nave, cuxa misión sería a de levar a cabo as operacións de extracción de cocaína do interior dos cilindros.

Finalmente, os investigadores irromperon na empresa e realizaron unha incisión cunha radial nun dos cilindros, e confirmaron que efectivamente ocultaba cocaína no seu interior. A operación permitiu incautarse de 561 paquetes de cocaína, dun quilo cada un, con diferentes logotipos. Nos rexistros realizados nos domicilios de dous dos arrestados –sitos en Madrid e Valencia- os axentes localizaron máis diñeiro en efectivo e documentación relacionada cos feitos investigados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade