O temporal azouta Vigo de madrugada con anegamentos e problemas de circulación

Choveu con forza, anegou numerosas rúas, provocou algún que outro problema na circulación e cortes de luz

En Castrelos o vento tirou dúas árbores que caían sobre un coche

G24.gal 01/11/2023 08:59 Última actualización 01/11/2023 14:47

O día preséntase con moito vento, agárdanse refachos superiores os 100 quilómetros por hora, e moita chuvia que como vimos xa descargou nas últimas horas en Vigo. Se hai días despediamos a borrasca Aline xa temos enriba a Ciarán, que pola noite deixaba xa a súa intensa pegada en Vigo.

Choveu con forza, anegou numerosas rúas, provocou algún que outro problema na circulación e cortes de luz.

En Castrelos o vento tirou dúas árbores que caían sobre un coche. Afortunadamente provocou unicamente danos materiais. Sucedeu sobre as nove da noite cando chovía intensamente e tamén o vento sopraba forte. Bombeiros e policía local desprazáronse a zona e comprobaron o estado do resto das árbores por se precisaban cortar algunha pola e evitar novos danos

Pola tarde chega o peor. Será unha xornada de chuvascos, que xa empezaron, polo que cómpre ter precaución nas estradas por posibles anegamentos e bolsas de auga. 

A partir do mediodía irase achegando esa profunda borrasca que deixará chuvias máis intensas cara á noite. Notarase, sobre todo, no mar, en aviso laranxa, con ventos moi fortes, pero haberá refachos superiores ós 100 quilómetros por hora en moitas comarcas do litoral e zonas altas do interior, tamén en aviso amarelo ou laranxa.

As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso mentres que as máximas apenas terán cambios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar