O sector galego do hidróxeno considera un "mazazo" que a UE non financie o hidroduto Guitiriz-Zamora

O presidente da Asociación Galega do Hidróxeno cre "fundamental" esta infraestrutura para non poñer en perigo as futuras plantas de hidróxeno verde en Galicia

José Ramón Ferreiro non descarta que Enagás asuma a totalidade do custo aínda que o ve "máis complexo" sen fondos europeos

O hidróxeno verde marca un reto tecnolóxico e oportunidades laborais na industria

G24.gal 29/11/2023 10:11

O presidente da Asociación Galega do Hidróxeno, José Ramón Ferreiro, analizou esta mañá no Galicia por diante da Radio Galega a situación que se abre despois de que a Comisión Europea non considere o hidroduto Guitiriz-Zamora como proxecto de interese común (PIC) para optar a fondos comunitarios dentro do plan de desenvolvemento do plan de fomento do hidróxeno verde.

Afirma que (no sector galego) "estamos todos desconcertados con esta noticia, xa que é algo fundamental para o desenvolvemento do hidróxeno na nosa comunidade autónoma que este viaduto fose adiante porque non só vai poñer en perigo os proxectos que hai en marcha, senón futuros proxectos. Ferreiro considera que "de entrada a nova foi un mazazo para o sector".

A canalización entre Guitiriz e Zamora é un proxecto que Enagás herdou de Reganosa tras adquirir este ano a súa rede de gasodutos en Galicia por 54 millóns de euros. Tras esa operación, Enagás comprometeu ante a Xunta a construción do hidroduto, que Reganosa presentou á convocatoria de fondos comunitarios en decembro de 2022. Enagás estaba á espera de coñecer se Bruxelas declaraba ou non a infraestrutura como proxecto de interese común (PIC) para optar a fondos da Unión Europea e xa se sabe que ese hidroduto Guitiriz-Zamora non os recibirá.

Enagás prevé decidir nos próximos meses se esa rede Guitiriz-Zamora segue entre as súas prioridades. O presidente da Asociación Galega do Hidróxeno non descarta que Enagás asuma o custo completo desa infraestrutura, que se considera "fundamental" para levar hidróxeno verde producido en Galicia ao resto de Europa e poder traelo tamén desde outros lugares para cubrir as necesidades das industrias galegas. Non obstante, José Ramón Ferreiro cre que sen a axuda dos fondos europeos vai ser "máis complexo".

Sobre algúns dos proxectos previstos de plantas de hidróxeno verde en Galicia (como As Pontes e Cerceda), Ferreiro espera que "a finais de 2024 ou 2025 xa poidamos ter algún porque, ademais, é moi necesario para poder desenvolver todo o que estamos traballando de hai dous anos dentro da Asociación e desde hai un ano dentro da Alianza [Industrial Galega do Hidróxeno Verde].

Di estar "convencido de que isto, dun xeito ou doutro, vai ser unha realidade porque non pode quedar Galicia como unha illa enerxética fóra do resto de España. Sería unha incongruencia e algo que ninguén podería aceptar". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade