O presidente portugués colabora coa Fiscalía na investigación sobre un suposto trato de favor

As nenas, que residían en Brasil, recibiron en 2020 un tratamento valorado en catro millóns de euros no hospital público de Santa Maria, en Lisboa

Rebelo de Sousa recoñeceu que recibiu un email do seu propio fillo para preguntarlle se as nenas podían ser tratadas en Portugal

O presidente luso Rebelo de Sousa O presidente luso Rebelo de Sousa
G24.gal 04/12/2023 21:01 Última actualización 04/12/2023 21:20

O presidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa dixo este luns que colabora na investigación da Fiscalía sobre o caso dunhas xemelgas luso-brasileiras cunha enfermidade rara que serían tratadas nun hospital de Lisboa supostamente por mediación súa, pero volveu negar que interviñese no caso.

Rebelo de Sousa explicou, desde a súa residencia oficial, que remitiu á Fiscalía toda a documentación atopada nos servidores da Casa Civil (un servizo de apoio técnico e de información da Presidencia) sobre o caso, que inclúe un email que o seu propio fillo lle enviou en 2019 para preguntarlle se as nenas podían ser tratadas en Portugal.

Estes feitos foron destapados pola canle de televisión portuguesa TVI, que elaborou unha reportaxe en que entrevistou a nai das dúas nenas Daniela Martins, cuxas fillas teñen atrofia muscular espinal.

As nenas, que residían no Brasil, recibiron en 2020 un tratamento valorado en catro millóns de euros no hospital público de Santa Maria, en Lisboa. A nai dixo contactar, para que lle axudase, coa nora de Rebelo de Sousa, aínda que non fixo mención ao propio mandatario.

O presidente asegurou entón que non estaba implicado, aínda que recoñeceu que ao consultar toda a documentación constatou que recibiu un correo electrónico do seu fillo do que non se acordaba. Ese mesmo día, remitiu a mensaxe ao xefe da Casa Civil, como fai cos "milleiros" de casos e peticións de axuda que lle chegan, asegurou. Tras varios intercambios de correos electrónicos entre a Casa Civil, o hospital e o fillo do presidente, informárono de que o Sistema Nacional de Saúde (SNS) luso dá prioridade a persoas que residen ou se atopan en Portugal.

"Tratei o meu fillo como a calquera cidadán que quixo ser solidario. Chéganme casos idénticos", reiterou. "Nestas cousas son moi estrito, e por tanto espero que non invocase o meu nome (...) Sería totalmente inaceptable", resolveu.

O caso está baixo pescuda no Departamento de Investigación e Acción Penal da rexión de Lisboa da Fiscalía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade