Formoso e Pontón aseguran que Galicia tamén se beneficiará da quitación

Paula Prado acúsaos de deixarse "comprar polo independentismo catalán"

G24.gal 04/11/2023 19:29 Última actualización 04/11/2023 22:43

Socialistas e nacionalistas aseguran que Galicia tamén se beneficiará da quitación, pero os populares insisten en que hai trampa e acusan o BNG e o PSdeG de antepoñer os intereses partidistas aos dos galegos. 

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegura que o pactado polo Goberno español suporá un "mecanismo de solidariedade interterritorial". Así o aseguraba tamén a líder do BNG, Ana Pontón, ao afirmar que "Galicia recibirá un trato igualitario", xa que "ante un recorte da débeda en calquera comunidade, Galicia será compensada nas mesmas condicións".

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusou o PSdeG e o BNG de deixarse "comprar polo independentismo catalán". A secretaria xeral di que aínda que a decisión do BNG "non nos sorprende", o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Xosé Ramón Besteiro, está "poñendo a Galicia en venda formando parte desa comisión negociadora para a investidura de Pedro Sánchez". 

Prado quixo lembrar que onte o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, remarcou que a condonación da cantidade da débeda de Cataluña co Estado "vaille custar 400 euros a cada un dos galegos e galegas", o cal "ascende ao total do presuposto da Xunta para o ano 2024".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade