O IPC baixa tres décimas polo abaratamento dos carburantes e queda no 3,2 %

O dato adiantado do índice de prezos de consumo mostra que a inflación volveu á senda da moderación tras tres meses de subida

A taxa de variación anual estimada da inflación subxacente, o índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, baixou sete décimas en novembro, ata o 4,5 %

A subida das pensións contributivas para 2024 será en torno ao 3,7 %

G24.gal 29/11/2023 08:49 Última actualización 29/11/2023 10:46

Os prezos subiron en novembro un 3,2 %, tres décimas menos que no mes de outubro, debido principalmente ás maiores baixadas dos prezos dos carburantes e os paquetes turísticos e tamén a un menor aumento dos alimentos e bebidas non alcohólicas respecto a hai un ano.

O Instituto Nacional de Estatística publicou este mércores o dato adiantado do Índice de Prezos de Consumo e mostra que a inflación volveu ao carreiro da moderación tras tres meses de subida (xullo, agosto e setembro) e un estable (outubro).

A taxa de variación anual estimada da inflación subxacente, o índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, baixou sete décimas en novembro, ata o 4,5 %, co cal xa son catro meses consecutivos de moderación.

A subida das pensións para 2024 será en torno ao 3,7 %

A subida das pensións en 2024 será do 3,7 %, unha vez adiantado o dato de inflación de novembro (3,2 %), que permite calcular a revalorización para o ano que vén. O 3,76 % é a subida que se aplicará ás pensións contributivas, mentres que as mínimas e non contributivas se incrementarán por encima desa cifra, tal e como se recolleu no último bloque da reforma das pensións.

De acordo coa reforma de 2021, a revalorización anual das pensións calcúlase coa media das taxas interanuais de inflación dos doce meses anteriores ata novembro. O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións sinalou este mércores que, aínda que a taxa de inflación definitiva se coñecerá o próximo 14 de decembro, dada a coincidencia que adoita existir entre o dato adiantado e o definitivo, a estimación inicial de subida das pensións en 2024 sería do 3,8 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade